Etiquetas
Bretón, masa, medios de comunicación, parricidio en Córdoba, sensacionalismo, venganza
Cousas como o asasinato dos dous nenos de Córdoba, Ruth e José Bretón, son como para renunciar ao pasaporte de ser humano. Non soamente pola actitude do presunto e máis que probable autor das mortes, o pai, José Bretón. Sempre houbo animais que torturaron full time ás persoas que debían de querer e protexer ou que as mataron nun momento de loucura ou por vinganza. O que me parece peor é que o resto da sociedade non teña evolucionado moito desde a época na que se rodeaba a casa do tipo con paus e fouces para facer xustiza pola vía directa, ou se asistía en masa á execución, e os mellores sitios eran aqueles nos que poder ver os espasmos do executado ou recibir algunha salpicadura de sangue.
Este de Córdoba non é o primeiro caso de matar aos fillos para castigar á nai (lembro o dun que tiña un bar fronte da estación de tren da Coruña). Pero si o primeiro que recordo no que o tipo, pasado o presunto trastorno mental, sigue case un ano mantendo unha versión incrible, como se a cousa non fose con el e os nenos desaparecidos non fosen os seus. Xa dixen que xente así hóuboa sempre, pero pensei que a sociedade española estaría máis civilizada. Que despois da crucifixión pública daquela señora de Betanzos, Dolores Vázquez, acusada de matar a aquela rapaza Rocío Wanninkhof e logo condenada sendo inocente pola presión da xente e dos medios, tanto uns como outros deberían ter aprendido algo e serían máis prudentes. Non digo que sexa o mesmo caso. O de Bretón parece transparente, pero repítese o mesmo circo. Presentadoras que interrompen as súas vacacións para facer programas na que colaboradores analfabetos din barbaridades que elas, facéndose as periodistas dignas, fan como que cortan. Xornalistas que, na desesperación por encher o por manter a roda en marcha, entrevistan a profesores dos nenos (para que digan que? Que José era moi hábil coa plastilina?) ou sacan a veciñas dicindo “no tengo palabras” (pois daquela…). Pais e nais indo cos fillos pequenos a facer pintadas con faltas de ortografía pedindo castigos para o delincuente propios da idade media. Vingadores que acosan aos pais de Bretón (e avós dos neniños), dous vellos de 80 anos, que xa terán bastante co que teñen. Concentracións de persoas teoricamente solidarias e na práctica ansiosas de protagonismo que se poñen caretas de Ruth e José (que tipo de individuo fai caretas coas caras duns nenos mortos?).
Se estivese no sitio da parella do tal Bretón imaxino que eses castigos que esbardalla a xente por aí saberíanme a pouco. Eu de perdoar son a medias, e admiro á xente que perdoa moito, sobre todo en casos coma estes. Pero afortunadamente non estou nesa situación, senón na dos espectadores, e polo tanto pódome permitir dicir que, despois do tal Bretón, os que me meten máis medo son os que se revolven no espectáculo ou sacan cartos del.
(La Opinión de A Coruña.1/09/2012, Faro de Vigo,2/09/2012)
No circo mediático que nos invade sempre deixa bo sabor de boca notar que aínda quedan bos trapecistas…algún día volverán os tempos dos paiasos “con xeito”?
Penso que nin os dos paiasos que lian offs sen cantaruxar. Pero eu prefiro ser sempre pesimista, porque así as sorpresas son case sempre agradables 🙂
Xosé Manuel Pereiro +34 672 241 207 @sihomesi http://www.sihomesi.com
En 04/09/2012 19:15,
Non sendo católico (pero nadiña!!)…
Sempre me gustou unha verba dese seu libro de cabeceira.
“Quen estea libre de pecado…”
Vostede é un agoiro de moito demo. Xure que non sabia o conto da concelleira cando escribiu isto. A realidade seica vai moi por riba (mais ben por baixo )
dos seus artigos….
Máis ben eu vou correndo tras da realidade, afogado e alasando, como poderá comprobar na columna de mañá.
X. M. Pereiro Enviado desde o meu iPhone