Etiquetas

, , , , , ,

A historia ten todos os ingredientes dunha comedia de moita risa, se non fose unha traxedia de moito nabo. O desa película sobre Mahoma, que nin película é, que ten alporizados a milleiros de fanáticos nos países árabes (e posiblemente fóra deles) ata o punto que da “primavera árabe” agora se fale do “inverno árabe” -sen que tiveramos pasado, que recorde, polo “verán árabe” nin polo “outono árabe”-. Aínda que para falar de “inverno árabe” haxa bastante máis motivos que esa teima en asaltar embaixadas estadounidenses, que é unha modalidade que se iniciou nos anos 70 en todo o mundo, e desde entón séguese a practicar con relativa regularidade en sitios máis ben meridionais.

      Desta vez, o máis grave é a morte do embaixador dos EEUU en Libia, Christopher Stevens. Algo que non pasaba desde unha chea de tempo (en calquera parte do mundo, non en Libia, claro). Polo seu currículo, parece obvio que Stevens era un espía, que é unha profesión como outra calquera, parecida á de produtor en cine ou televisión, á de capataz nas obras ou á de conseguidor noutras profesións. Iso –espía, ou “axente de intelixencia”- querían dicir del cando o definían como “un admirador da revolución libia” (non ían mandar a un especialista nos conflitos na fronteira ruso-finlandesa para dirixir aos antigadafistas). Non cabe alegrarse moito de que Steven tivese unha morte semellante á que el contribuíu a que tivera Gadafi. En certo sentido, aos dous, sendo de bandos opostos, matáronos os mesmos. Pola mesma razón que a Hillary Clinton, non lle debería estrañar que isto pasara, como ela dixo, “nun país que axudamos a liberar, nunha cidade que axudamos a salvar da destrución”. Xa teñen experiencia. Para loitar contra os comunistas en Afganistán déranlle cartos e armas a uns fanáticos, entre eles un chamado Osama Bin Laden, e mira como llelo pagou. E xa verán en Siria.

A tal película, Innocence of muslims é unha trapallada, en realidade un trailer de 14 minutos coa calidade dunha porno barata, que fixo un tipo enganando a actores dicindo que ían a rodar unha de aventuras no deserto, de presuposto ultrarreducido. O de Mahoma meteullo logo na dobraxe (nunca mellor dito). Os intérpretes están agora horrorizados, e din que non queren saber nada do asunto. Soamente se estreou en Youtube, o escenario dos grandes éxitos do seu gato e da voda da súa cuñada. Ten algo máis de visitas, pero non tantas como sería de prever despois de tanta publicidade. A todo isto, polo que comentan os correspondentes por aí, os que se empoleiran nas verxas das embaixadas, berrando a saco, nunca a viron, e moitos nin escoitaron falar dela. Simplemente aplican ese vello proverbio da zona: “pégalle á túa muller, se ti non sabes por que, ela si o sabe”, aos EEUU. Cando hai fanatismo é a mera existencia do outro o que amola. Se dá escusas mellor, e se non, tanto ten.

E por aí hai moito fanatismo de diola, si. E se lles conto un secreto, por aquí algún hai. Non se queiman embaixadas, pero a liberdade de expresión que se pide, con razón, para un trailer provocador en California, acábase de discutir nos tribunais para un videomontaxe de Javier Krahe de hai case trinta anos. Acórdense de Lucas capítulo 6, versículo 41.

(La Opinión de A Coruña, 15/09/2012, Faro de Vigo, 17/09/2012)

Advertisements