Etiquetas

, , , ,

Os máis memoriosos de vostedes acordaranse daquel sonado estímulo institucional á participación electoral, “Anque chova, vota”, un tanto ignorante da nosa idiosincrasia, como si aquí deixásemos de facer algo (quitado ir á praia) porque chova. Pasaron os anos, e en Galicia, a última moda en estímulos para animar campañas son as operacións xudiciais. Hai case un ano, nas xerais, o caso Campeón e agora o caso Pokemon. O único pero que eu lle poñería, ademais deses nomes tan ñoños que lles dan, é a pouca oportunidade do momento no que saen á luz. Non soamente polo que inflúen politicamente, senón pola carga de traballo que supoñen a maiores nas redaccións. O outro, claro, é que estas cousas sábese cando empezan pero non cando rematan.

    Eu non sei, por suposto, se os alcaldes de Ourense e Boqueixón e o resto dos detidos teñen cometido ou axudado a cometer esas irregularidades ou supostos delitos dos que a xuíza Pilar de Lara ten atopado indicios. O que si está claro é que a todo o mundo lle parece críble que alguén teña metido as mans na caixa nunha concesión dun servizo público. Quero dicir, moita xente poñería as mans no lume por Francisco Rodríguez, o alcalde socialista de Ourense, ou por Adoldo Gacio, o alcalde popular de Boqueixón, pero ninguén achegaría un dedo á chama dunha vela por que alguén non levara un can da operación de adxudicación municipal. Porque estas cousas fanse –en xeral, non en Ourense ou en Boqueixón en concreto- e todo o mundo o sabe, e non lle importa demasiado, que é o que pasma de nós en Europa, non que traballemos pouco, que eles traballan menos.

A min, o que me asombra e me fai quitar o sombreiro que quitaría se o tivera ante a xuíza De Lara, é que a sospeita xurdira porque un funcionario vivía por riba das súas posibilidades. Enténdese que máis por riba aínda do que vivimos todos segundo os mercados ou de Guindos. Vivía no faiado das súas posibilidades. Tirar dese fío ten mérito porque todos coñecemos unha chea de xente, políticos, empresarios, servidores da administración, que viven no ático das súas posibilidades. No caso dos servidores públicos, antes dicían que o ganaran na bolsa. Agora que iso non cola, que é unha herdanza. Como se as herdanzas caeran do ceo e non houbera que tributar por elas. Nestes tempos en que Facebook ou Google sabe máis da túa vida e dos teus gustos que a túa parella, alguén pode resistir unha investigación en serio do que ten ou deixa de ter?

Xa sei, non hai medios para inspeccionar tanto. Pero antes de que a unha xuíza no decurso dunha investigación por presunta corrupción policial en ambientes de proxenetismo lle sorprenda o nivel de vida dun funcionario, o normal sería que houbese alarma social por ese nivel de vida. E que cando nun partido se sabe, como normalmente se sabe, que mengano anda facendo un peto, que se curtocircuite desde a propia organización. Pero nestes casos a única reacción partidaria ou cidadá é: non sei como collen a zutano, coas que ten feito fulano.

(La Opinión de A Coruña 22 de setembro de 2012)

 

Advertisements