Etiquetas

, , , , , ,

Sinceramente, o lema inicial que se lles ocorreu aos do 25S, o de “Toma el Congreso” era pouco afortunado, ou directamente antidemocrático. Non sei en que estaban pensando, pero o de “tomar” ten unhas connotacións históricas nefastas en calquera parte. O de “rodea” ten un pase. De todas formas, non sei por que o Congreso. O Congreso, non sei se o saben os promotores, non é o Goberno, alí os que están son que elixiu a xente, os que votaron e os que non o fixeron e deixaron que outros escolleran por eles. É máis, posiblemente estean os únicos que podamos votar para que dirixan os estado en varios anos, xa que probablemente non van poñer a un director de sucursal ou como se chame. O normal tería sido rodear o Banco de España, a Bolsa, ou mesmo a Moncloa.

        Eu tampouco pediría cousas como unha Asemblea Constituinte, de entrada polo principio ignaciano (de Ignacio de Loyola) de que en tempos de tribulación non convén facer mudanza. E de saída tendo en conta o resultado das eleccións de hai menos dun ano. Pero desde logo, calquera colectivo ten dereito a manifestar o seu descontento, e incluso me atrevería a dicir que nas circunstancias que atravesamos, mesmo é obrigado. Por iso a unha convocatoria que non se sabe quen a fixo acudiu tanta xente. Que unha vicepresidenta ou a secretaria xeral do partido no goberno (non sei se foi Soraya Saenz de Santamaría ou Dolores de Cospedal, sempre as confundo) diga que iso é semellante ao 23-F é algo máis grave que unha parvada sectaria. É quitarlle importancia a un golpe de estado que tentaron dar axentes das forzas de seguridade, non xente por libre, sen anuncialo previamente nas redes sociais, equipados coas armas que lles deu o Estado, e ameazando con elas aos representantes da cidadanía, ocupando medios de comunicación e establecendo toques de queda, e facendo listas de xente a quen fusilar. Se ese é o rigor que aplican a outros asuntos de goberno, non me estraña que esteamos como estamos.

E por riba, a xestión policial do asunto foi un cruce de Anacleto, agente secreto e Pinochet. Toda a prensa seria internacional foi unánime en opinar que se pasaron tres parroquias. Os infiltrados das bandeiriñas tipo os samurais das películas de Kurosawa fixérono tan mal como o facían os extras almerienses nas películas de vaqueiros. O episodio “¡Que soy compañero coño!” era case tenro (que pensará a súa pobre nai de cómo o tratan no traballo). Animaladas como a de entrar disparando na estación de cercanías, ou levar de arrastro entre dous a un perigoso vello de 67 anos, xustifican aos cafres que tiraron pedras. Que o secretario xeral do sindicato policial maioritario apoie publicamente que os axentes incumpran a lei que os obriga a identificarse e rubrique “Leña y Punto” deixao sete escalóns por debaixo dos porteiros de discotecas. Máis ou menos o nivel que demostran nas gravacións nas que se lles pide o número de placa ou eles esixen que se lles entreguen as cámaras. O que podía ter sido unha manifestación máis, deu a volta ao mundo, e o heroe que temos é un camareiro de 60 anos que vota ao PP. Dan ganar de pedir que veña xa o director de sucursal.

 (La Opinión, 29 de setembro de 2012)

Advertisements