Etiquetas
25S, abuso policial, liberdade de expresión, manifestación, PP, rodear el congreso, SUP
Sinceramente, o lema inicial que se lles ocorreu aos do 25S, o de “Toma el Congreso” era pouco afortunado, ou directamente antidemocrático. Non sei en que estaban pensando, pero o de “tomar” ten unhas connotacións históricas nefastas en calquera parte. O de “rodea” ten un pase. De todas formas, non sei por que o Congreso. O Congreso, non sei se o saben os promotores, non é o Goberno, alí os que están son que elixiu a xente, os que votaron e os que non o fixeron e deixaron que outros escolleran por eles. É máis, posiblemente estean os únicos que podamos votar para que dirixan os estado en varios anos, xa que probablemente non van poñer a un director de sucursal ou como se chame. O normal tería sido rodear o Banco de España, a Bolsa, ou mesmo a Moncloa.
Eu tampouco pediría cousas como unha Asemblea Constituinte, de entrada polo principio ignaciano (de Ignacio de Loyola) de que en tempos de tribulación non convén facer mudanza. E de saída tendo en conta o resultado das eleccións de hai menos dun ano. Pero desde logo, calquera colectivo ten dereito a manifestar o seu descontento, e incluso me atrevería a dicir que nas circunstancias que atravesamos, mesmo é obrigado. Por iso a unha convocatoria que non se sabe quen a fixo acudiu tanta xente. Que unha vicepresidenta ou a secretaria xeral do partido no goberno (non sei se foi Soraya Saenz de Santamaría ou Dolores de Cospedal, sempre as confundo) diga que iso é semellante ao 23-F é algo máis grave que unha parvada sectaria. É quitarlle importancia a un golpe de estado que tentaron dar axentes das forzas de seguridade, non xente por libre, sen anuncialo previamente nas redes sociais, equipados coas armas que lles deu o Estado, e ameazando con elas aos representantes da cidadanía, ocupando medios de comunicación e establecendo toques de queda, e facendo listas de xente a quen fusilar. Se ese é o rigor que aplican a outros asuntos de goberno, non me estraña que esteamos como estamos.
E por riba, a xestión policial do asunto foi un cruce de Anacleto, agente secreto e Pinochet. Toda a prensa seria internacional foi unánime en opinar que se pasaron tres parroquias. Os infiltrados das bandeiriñas tipo os samurais das películas de Kurosawa fixérono tan mal como o facían os extras almerienses nas películas de vaqueiros. O episodio “¡Que soy compañero coño!” era case tenro (que pensará a súa pobre nai de cómo o tratan no traballo). Animaladas como a de entrar disparando na estación de cercanías, ou levar de arrastro entre dous a un perigoso vello de 67 anos, xustifican aos cafres que tiraron pedras. Que o secretario xeral do sindicato policial maioritario apoie publicamente que os axentes incumpran a lei que os obriga a identificarse e rubrique “Leña y Punto” deixao sete escalóns por debaixo dos porteiros de discotecas. Máis ou menos o nivel que demostran nas gravacións nas que se lles pide o número de placa ou eles esixen que se lles entreguen as cámaras. O que podía ter sido unha manifestación máis, deu a volta ao mundo, e o heroe que temos é un camareiro de 60 anos que vota ao PP. Dan ganar de pedir que veña xa o director de sucursal.
(La Opinión, 29 de setembro de 2012)
Sr. Pereiro, sabe vd. que o secretario xeral do SUP, o que puso o twitter, leva dende 1986 liberado sindicalmente? Pois aí ten a resposta ao que escribiu no twiter. Imaxínese, ten unha idade de 52 ou 53 anos e leva liberado máis de 26 anos, así vai este país.
Bopa! A última vez que puxo o uniforme, era castaño, practicamente.
Xosé Manuel Pereiro +34 672 241 207 @sihomesi http://www.sihomesi.com
En 08/10/2012 22:34,
Tengo la idea de que el gallego es como muy callado (Cayo Lara dixit)
Como dixo un en Twitter, non o dirá polo socio que se botou
Xosé Manuel Pereiro +34 672 241 207 @sihomesi http://www.sihomesi.com
En 09/10/2012 16:23,
Boas.
A da comparanza entre “toma el congreso” e o 23-F foi Dolores de Cuspe e dalle. E o lema orixinal da convocatoria creo que non era nin “toma” nin “rodea” senón “Ocupa el Congreso”.
Por certo, as poucas pedras que se lanzaron foron unha resposta feble á represión da policia e non me parece moi atinado xustificalo e ao mesmo tempo tratar de cafres aos que o fixeron.
Magoa non ter máis pedras e non ter atinado máis.
Penso que nin criminalizando mediatica e politicamente aos que protestan nin “modulando” o dereito de manifestación van poder impedir que chovan máis pedras e haxa máis ocasións para afinar a puntería.
Saúdos
O lema orixinal era Toma el Congreso. Ocupa tampouco era moi afortunado. E o das pedras… home, somos seres adultos, e sabemos que nestas cousas sempre hai un grupo de lanzados que queiman algo, case derruban o sistema, saen nas fotos eles e non a chea de xente que vai alí de recheo e esa noite follan. Empece a poli-infiltrados cos paus ou non. Iso antes estaba máis controlado por ambas partes, pero agora parece que ás dúas lles interesa que haxa menos control.
Pingback: Hai que reflexionar « Si home si