No comezo desta etapa da democracia en España, que como se nota polas formas, foi hai pouco máis de trinta anos, as esquerdas e as dereitas queixábanse de que a maioría dos votos fosen para o centro de Adolfo Suárez porque era guapo. Así, ao bruto, podíaselles dar a razón, porque analizando os respectivos espectros (con perdón), na esquerda arrastraba moito máis o punto de cantante latino de Felipe González que a traballada experiencia de Tierno Galván ou Santiago Carrillo, e Suárez ben máis que Fraga e a súa tropa de vellos coñecidos do NO-DO. Por esa razón Julio Anguita teimou logo no de “programa, programa, programa”, que ironicamente acabou sendo un slogan, o contrario do que pretendía, que era un chamamento a que o electorado atendese ao fondo das ofertas, ao que había dentro do paquete, e non ao debuxo de fóra.

   Nestas eleccións, se atendemos ao debuxo, non me digan que Feijoo non parece que anuncia un banco. Co traxe, os lentes e esa cara riseira de boíño, talmente é un deses que saen nos spots de televisións bancarios que son como amigos teus de toda a vida. Se nunha valla ata lle vai dar un medio abrazo a un vello, como para aconsellalo que facer coa pensión. E por iso agacha o nome do banco, digo do PP, porque os bancos e os partidos non están ben vistos, pero os empregados non teñen a culpa. De todas formas, o slogan, “Galicia primeiro”, dá un chisco de medo, tal e como están as cousas. Primeiro por que? Pase vd. diante, se tanta oportunidade é. A xente é moi desconfiada. Por iso, Pachi Vázquez, o candidato do PSdeG, mira ao futuro (non sei por que convención o futuro sempre o situamos á altura dun primeiro piso), con esa mirada miope que lle gusta ás mulleres (tíñaa Rodolfo Valentino, xa sei que non é o caso) e que aos homes nos fai baixar a garda. Está estudado. “É o momento. Galicia decide”. Outra responsabilidade que lle vén enriba á pobre. Que necesidade había?.

O Bloque bota man das esencias: “Para facerlles frente” e “Gobernemos nós na nosa terra”, (recuperación dun slogan vintage). E para darlle un ton cordial, a cara afable de Francisco Jorquera enche o cartel, como dicindo: mal non vos vai facer. A Alternativa Galega de Esquerdas ten a mesma consigna dita de outra forma, entre participativa e impersoal: “Hai que paralos!”. A imaxe, varios candidatos arrodeando á parella de líderes Beiras-Yolanda Díaz, ten un certo aire a cartel da Orquesta Panorama, ou máis ben dun plausible grupo Salsa Roja, con el no papel de vocalista dos temas clásicos, ela de intérprete dos ritmos modernos e os outros aos instrumentos. A simboloxía de Compromiso por Galicia é a máis innovadora de todas, tanto que entre os globos tipo cómic e o slogan “A túa voz”, como de que escoitan, non parece propaganda política, senón que a campaña dunha empresa de telefonía móbil. Só que en lugar de aparecer esas bandas de rapaces ociosos facendo a mona que protagonizan eses spots, aparece xente tamén nova pero con garabata (aínda que algún non moi cómodo con ela). E xa sabe, mire e logo non se queixe do contido. Mire o que nos saíu no paquete que mercamos o 20N do ano pasado.

(La Opinión de A Coruña 13/10/2012)

NOTA: Sinto a cutrería de non ilustrar o post coas imaxes correspondentes. Mala época de poñerme a procuralas. Se teñen o detalle de mandar a url de algunha, quedaríalles moi agradecido. Se non, coido que as imaxes están máis que omnipresentes, ainda que non é o mesmo.

Advertisements