Eu cunha enquisa gozo tanto como un neno cunha chea de rotuladores gordos e unha parede branca. Como non teño nin idea de analizalas probablemente se hai algún sociólogo na sala teña a mesma reacción que o pai ou dono da parede branca, pero de verdade que o paso ben debullándoa, e máis se é das agardadas, como a que sacou o CIS sobre as eleccións galegas a mesma mañá da resaca da pegada de carteis. E que debeu sentar aos resacosos, políticos e xornalistas, como un baño de auga fría. Tanto ruído todos estes meses para que quede todo practicamente como estaba, coas mesmas noces que había máis Beiras.

       O primeiro é constatar que, por mal que esteamos, sempre pensamos que por aí adiante están peor. A xente pensa que a economía e a política galega van moi mal pero tamén que as españolas van peor. En canto ao que lle preocupa á poboación, obviamente sete de cada dez sinalan o paro en primeiro lugar, e seis a economía en segundo. Pero a maiores deses dous problemas que son un, os únicos que dan quitado o sono a máis dun 10% dos enquisados (un 20% e un 12% ) son a sanidade e a educación. Logo hai cuestións que dan sacado a cabeza, como a agricultura e gandería, a vivenda, o autogoberno de Galicia e a inseguridade cidadá. O resto, incluídos as infraestruturas, o idioma galego, o medio ambiente, nin ao un por cento lle preocupan en primeiro ou segundo lugar. Algúns quizais estean a tempo de retocar a estratexia de campaña.

En canto a como se considera de nacionalista o enquisado cando reflexiona sobre o asunto, o 74 pensa que non e o 23 que si (unha porcentaxe que baixou nos últimos anos, éxito que lle hai que atribuír ao nacionalismo realmente existente, porque no único sitio que pasa é aquí). Sen embargo, fóra dos que queren tanto a mamá e a papá, ou soamente a mamá ou a papá, os  que se consideran máis galegos que españois son o 19,6% e os que se senten máis españois que galegos son só o 4,9%. Parece raro pero non tanto como que os cidadáns estimen reformar o Estatuto moi necesario (o 13,4%) ou bastante necesario (o 29,2%), e logo o 21% opine –agárrense- que era mellor un Estado cun goberno único sen autonomías. O 10,5% perdóalle a vida ás Comunidades Autónomas, sempre que teñan menos autonomía. O 47% deixaría a cousa como está, o 9,1% sería partidario de máis autonomía e o 3,3% opina que quen queira ser independente, pois adiante. Deben querer reformar o Estatuto para capalo.

Os que consideran que a xestión da Xunta foi mala ou moi mala son máis que os que se limitan a poñerlle un regular. Feijoo mellora resultados, seguen sendo máis os de mala e moi mala que os de boa ou moi boa. Loxicamente, un 49% da xente desexa un cambio de goberno nas próximas eleccións (contra un 31,7% que non). E por iso lle van a dar a maioría, 38  escanos a Feijoo. Para que cambie aos conselleiros.

 (La Opinión de A Coruña 6/10/2012)

Advertisements