Etiquetas

, , ,

Exactamente, hai que reflexionar, pero todos e todos os días, e non soamente cando hai eleccións. Os que teñen facultades para propoñer cambios de leis deberían de pensar as cousas dúas veces, porque ultimamente, argallan normativas segundo lles foi na feira. A última é que están pensando en “impedir que internet se volva encher de fotos e vídeos de policías a cara descuberta, perfectamente identificables, facendo o seu traballo, que logo podan ser obxecto de escarnio nas redes sociais ou obxecto de acoso no seu ámbito privado”. Para iso, están estudando reformar a Ley de Seguridad Ciudadana, para prohibir “a captación, reprodución ou tratamento de imaxes, sons ou datos de membros das forzas de seguridade no exercicio das súas funcións cando podan poñer en perigo a súa vida ou en risco a operación que se están desenvolvendo”.

Pero iso non quere dicir, por suposto, que se pretenda coartar a liberdade de expresión dos medios de comunicación ni impedir o traballo dos reporteiros gráficos na vía pública. Segundo o director xeral da Policía, Ignacio Cosidó, “No pretendemos que la prensa no pueda hacer su trabajo, que tome imágenes de cargas policiales, pero entendemos que en operaciones antiterroristas o en contra de las mafias hay que tener un criterio de mayor cuidado al difundir las imágenes”.

Todas eses dereitos que quere salvagardar a reforma esa, xa están a salvo, claro que ao criterio dun xuíz, non ao do Ministerio do Interior. Os tribunais xa teñen a posibilidade de impedir a difusión de imaxes lesivas para a honra, e a Lei de Protección de Datos xa regula a difusión de nomes, enderezos e outros datos de carácter persoal (é máis, ata se reservan datos que non deberían, como o número de identificación). E os axentes que teñen un comportamento civilizado non aparecen “linchados” en internet. O vello consello de non as fagas, non as temas. As posibilidades de ter éxito en You Tube pedaleando tranquilamente na túa bicicleta son escasas. Se o fas vestido unicamente cunhas chanclas para non mancar os pés nos pedais e meténdote a contracorrente na saída da autoestrada as posibilidades aumentan exponencialmente.

Por outra parte, eu nunca vin fotógrafos ou camarógrafos nas operacións antimafia ou antiterroristas. As imaxes que saen deses operativos son as que gravan e logo facilitan os propios servizos fotógrafos das forzas de seguridade, ou sexa que me parece ben raro que saia identificado axente ningún. E cando aparece algún axente, sempre se lle pixela a cara. Máis raro me ten parecido en ocasións que se dean datos do proceso da investigación, pero eles saberán. E xa postos, eu non recordo cando foi a última operación antiterrorista, pero a última vez que saíron fotos na prensa española e internacional con axentes en actitudes pouco civilizadas foi non hai nada.

Paréceme excelente que o director xeral da Policía queira mellorar o servizo que dirixe, pero non a costa de poñelo por riba do ben e o mal e costa das liberdades dos demais. Porque se algúns fixeron iso que os puxo no foco de atención de centos de milleiros de persoas, que non farían se non houbese foco?

 (La Opinión de A Coruña, 20 de outubro de 2012)

Advertisements