A pesar da súa rimbombante denominación, unha folga xeral é agora unha acción na que uns cidadáns deciden non ir a traballar un día, e polo tanto renuncian cobrar a parte alícuota do seu soldo, para dar a súa opinión. Como votar, pero dando a cara, e os cartos. Ou sexa que non sei en que se basea tanta demonización e tanta historia, como non sexa no franquismo que aquí se mamou en directo ou se está mamando en diferido e en fascículos (nunca mellor dito).

Hai, si, episodios tensos e desagradables, como o que protagonizou –admirablemente, ao meu entender- un amigo meu xoeiro, cando lle dixo aos dun piquete que el estaba de acordo cos motivos da folga, e que lle dixera aos empregados que non llo descontaría o xornal se a seguían, pero que se acollía ao dereito de abrir. No mundo da empresa tamén hai clases e non todo o mundo pode ter un cordón policial interposto entre o piquete sindical e o piquete empresarial. Non o digo eu. Dío o CIS, na enquisa que fixo despois da folga do 29 de marzo. Daquela, a porcentaxe de traballadores que quixeron parar, pero non puido foi o 4,9 %. Os que quixeron traballar, pero non puideron, o 2,3%.  Non chega á metade. É máis, os que pararon fixérono por motivos moi semellantes (contra os recortes, por solidariedade, por protestar) e só un 4,9% por medo aos piquetes. Entre os que traballaron, o 42% foron porque non estaban de acordo con aquela folga ou con ningunha en xeral. Menos dun 5% porque non estaba de acordo cos sindicatos ou porque a folga era política (estes, un 0,3%). O resto, máis de metade, foi porque non podía perder eses cartos, porque eran autónomos, porque non podían ou por ameaza de despido.

En resumidas contas, a gran maioría da xente estaba/está de acordo cos motivos das folgas. Algúns apoñen que esa non é a forma de protestar, nin o momento. Efectivamente, a min tampouco me parece o método ideal. Somos todo orellas a novas propostas… Xa, a min tampouco se me ocorre nada. En canto ao momento, o inédito sería facer unha folga xeral en época de bonanza económica. Precisamente porque non é o método ideal, non entendo esa saña en negar o evidente. A patronal dicindo que a folga tivo unha escasa incidencia, pero unha repercusión moi negativa. En que quedamos?  Ou que foi un fracaso, pero as manifestacións foron un éxito. Como, se foron en horario laboral ? –menos en Monforte, e así saíu en directo en La Sexta-? A ver se a xente foi manifestarse na hora do bocadillo, como esas dúas concelleiras do PP de Santiago, que protestaron cando un piquete pechou o Zara no que estaban facendo compras en horario laboral.

Ademais non é certo que non sirvan para nada. Poñen en evidencia a quen usa de forma tan necia o cargo como a delegada do Goberno en Madrid, desprestixiando a institución e a clase política en xeral, ao asegurar que alí se manifestaron 35.000 persoas, tantos como en Ferrol e algo máis da metade que na Coruña, comparando cifras oficiais de autoridades do mesmo partido. E tamén que xenerosa é a xente que dá 80 ou 100 euros do seu soldo para tentar que a súa opinión conte.

(para sábado 17 de novembro de 2012)

Advertisements