Etiquetas
avogados, Gallardón, procuradores, protestas xudiciais, tasas, xuíces, xustiza
Recórdolle escoitar a Víctor Vázquez Portomeñe, nunha daquelas entrevistas que me compensaban o pouco gusto que lle teño a ese xénero periodístico, contar dun cliente seu que tiña cando se puxo de avogado en Chantada. Era un patrón que lle entrou pola porta un día de feira dicíndolle que lle tiña que ir mirar os sitios por se había lugar a algún preito. Portomeñe aló foi un día, e acompañado do vello visitou leira por leira e monte por monte, sen atopar cousa grande ou pequena que xustificase iniciar un litixio. Así llo comunicou o cliente potencial, con gran desgusto deste, que teimou en que algo habería que poder poñer en papel de oficio. “E para que quere que eu perda o tempo e vostede os cartos, e por riba poñerse a mal cun veciño, para nada?”, amoscouse finalmente o letrado reticente. “A casa lévanma o fillo e a nora, non me deixar facer nin gastar nada, e se teño un preito, sempre podo dicir que vou vir á vila os días de feira coa escusa de ver como vai o preito”, confesou o patrón.
Pois quitado aquel preiteante vocacional de Portomeñe, algún adicto ás denuncias e eses dos programas televisivos que sempre din que se están cruzando denuncias, eu non sei de ninguén que preitee porque quere, lle peta ou dálle a gana, e gasta os cartos que ten ou non en procuradores e avogados e nestes procesos que se sabe cando se empezan pero non cando acaban. Preitos teñas e os ganes, advertían os vellos. Así que se a pretensión do ministro de Justicia Alberto Ruiz Gallardón impoñendo esas taxas xudiciais abertamente inxustas era remediar o atasco nos xulgados, o resultado vai ser o mesmo que aqueles anuncios do SERGAS para que se non estabas grave, ou daban un partido pola tele, non foses a urxencias a atascar os servizos. Ningún. Nos dous casos, o remedio é mellor organización e/ou máis medios.
Soamente a alguén que leva toda a vida intrigando como Alberto Ruiz Gallardón tanto lle ten que estean en conta todos os estamentos da xustiza, de maxistrados a secretarios xudiciais, e de todas as ideoloxías. Como hai xente que so ve as cousas polo interese, podíase entender que avogados e procuradores estiveran en contra pola redución de clientela que pode supoñer a medida (clientes con vocación semellante a aquel de Portomeñe xa non deben quedar), pero o resto, xuíces e funcionarios, deberían estar a favor pola mesma razón. E soamente a alguén como o ministro de Justicia, que nunca tivo que traballar de verdade (e que cando foi alcalde considerou normal gastar 510 millóns de euros no novo consistorio, 24,5 no seu despacho, ou deixar ao concello de Madrid cunha débeda de 6.500 millóns de euros) pode considerar presentable poñer unha taxa de 200 euros para recorrer unha multa de 100. Se para facer valer un dereito che piden máis do que obterías se che dan a razón, está claro que en realidade estanche negando o tal dereito.
Outra cousa é que fagamos unha xustiza Eurovegas: eu pago a taxa, pero se teño a razón, páganme dobre veces o que solicitaba. E haberá quen se anime, por que non. Tamén hai xente que o votou.
(La Opinión de A Coruña 24/11/2012)
Hai pouco tiven que utilizar a admón de xustiza en dous casos que me reafirmaron na idea de que o atasco da xustiza é puramente un de mala organización.
-Cando fun facer ao xulgado o trámite do matrimonio, o funcionario en ningún momento tivo que acender o ordenador para tomar os nosos datos. Todo en papel!
-Cando fun o xulgado de Santiago pedir un certificado de defunción do meu pai dixéronme que non mo podían dar porque falecera en Pontevedra e que as bases de datos non estaban conectadas. Que había que ir fisicamente a Pontevedra collelo.
Que iso pase no século XXI paréceme a hostia, cinceiramente
Si, o papel pervive eternamente, e os ordenadores sirven de pouco máis que máquinas de escribir. O de que as bases de datos non estean conectadas non sei a que listo se lle ocorreu.
X. M. Pereiro Enviado desde o meu iPhone
Grandísimos! ( Vostede,Portomeñe e ,dende logo,o vello)
Sobre todo o vello
Duma vez que, como denunciante vocacional, solicitei uma citacion xudicial en galego, tiven que voltar uns dias despois para poder recolhela; e o funcionário que me atendeu tivo que traducila nese mesmo momento sobre a version do modelo en espanhol (o único realmente existente despois de 30 anos, nun documento tan usual como uma citacion.)
Para a seguinte citacion que pedin en galego, a xuíza perguntoume -na mesma bilíngua- se me podia dar por notificado verbalmente; ao que accedin por evitarlhes trabalho. O mesmo funcionário que fixera a traducion da vez anterior pediume que agardara un intre e escreveume a data da nova citacion, en galego, nun post-it.
Vázquez Portomeñe dixéralhe numa tertúlia ao Beiras: “Pero Xosé Manuel, a ti moito se che avinagrou o carácter.”