Etiquetas

, , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,

Unha das tradicións dos medios de comunicación é ofrecer por estas datas un resumo do que pasou no ano que dá as boqueadas últimas. Así, o lector pode dicir: “que barbaridade, non sei a onde iremos parar” ou “non hai dereito, habería que facer algo”, dependendo de caracteres e ideoloxías. E o medio lanza unha mensaxe nada subliminal de “para isto estamos aquí, para lembrarlle toda esta chea de cousas que pasaron, e das que no seu día soubo grazas a nós”. Eu estiven mirando varios deses resumos e deime conta de que boa parte do que pasou en 2012 ten unha característica común: a descuberta de en que mans estamos.

         O ano xa empezou bravo, detallando e ampliando as primeiras acusacións contra un relevantísimo membro da familia real (quero dicir Real), Iñaki Undargarín, precisamente o primeiro no que antes se chamaba “afecto popular”. E cando o caso xa se encarrilaba, unha inoportuna rotura de cadeira revela que a campechanía do monarca titular en realidade é un pasar de todo. Cun 25% de paro, el anda mundo adiante metido en asuntos de cornos e trompas. É dicir, a institución do Estado que non ten outro cometido nin traballo que ser símbolo e lustre do mesmo, ten uns representantes que teñen (presuntamente) as mesmas mañas financeiras que un armador nixeriano e os mesmos costumes que un monarca medieval.

Despois descubriuse que a máxima autoridade doutro piar do Estado, o xudicial, un home de piedade probada, Carlos Dívar, daba de comer ao sedento e de comer ao famento, de viaxar ao viaxeiro e de durmir ao durminte, sen pararse en barras, sempre que o sedento, etc, fosen el e o seu xefe de seguridade, e os cartos fosen da institución que presidía, é dicir públicos. O home dimitiu porque non tiña outra, pero sen asumir culpa ningunha, porque entendía que el era autoridade as 24 horas do día sete días á semana (aínda que traballara soamente media). Por se non queda claro, quen así razoaba é o señor que mandaba no órgano de goberno dos xuíces de España, e presidía o máis alto tribunal do Reino. Igualmente, como xa é sabido, o que mandaba nos empresarios españois, Gerardo Díaz Ferrán, hai dous anos quebrou o seu grupo empresarial e quedou na ruína, cousa que lle pode pasar a calquera –ben, a calquera que teña un grupo empresarial- pero este mesmo mes descubriuse que o segundo non. O presidente dos empresarios da oitava (creo que era a oitava, non?) potencia industrial mundial, gardando os cartos na vigha, para libralos da lei.

E para rematar, os presidentes de todo. Os do goberno. O anterior, Rodríguez Zapatero, tardou seis anos en facer o oposto do que predicaba. O actual, Mariano Rajoy, tardou algo máis de seis días pero moito menos de seis semanas en facer exactamente o contrario do que dixo que faría (en concreto: “o que hai que facer”). Propoño, por tanto, denominar a 2012 o ano Matrix: non se sabe se era mellor estar na ignorancia ou coñecer a realidade de en que mans estamos.

 (La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo sábado 29 de decembro de 2012)

Advertisements