Etiquetas

, , , , ,

Hai pouco tiven unha desas ceas perfectas: amigos vellos e novos, excelentes consumicións -tanto de comer como de beber e de debater- case ningunha presa e o sitio de durmir a 25 metros andando. Entenderán que non tiveramos máis presa que o apuro que nos daba ter ao propietario do establecemento –categoría amigo novo- agardando para pechar. Do moito discutido e reproducible estaba a diferenza de tratamento entre uns imputados e outros, entre galegos e non galegos, e mesmo entre nós (quero dicir entre galegos). De que uns se personen no xulgado e nos titulares de prensa pola vía do cuartelillo policial, facendo o traxecto esposados, e noutros casos o único ao que se lle ve nos edificios xudiciais é ao seu representante legal, mentres o sumario que se lle instrúe se encerella tanto que pasa como nas películas que emite Antena 3, que cando volven de publicidade non sabes se estabas vendo unha de Indiana Jones ou un western, porque do único que te acordas é de que alguén levaba sombreiro.

       Non falamos da Gürtel, do caso Pallerols, ou de Jaume Matas, condenado a seis anos, e inexplicablemente solto. Falamos de Ourense, e do raro de que aos imputados polo caso Pokemon, empezando polo alcalde Francisco Rodríguez, os trincaran como se fosen saltar pola ventá para escapar a Portugal, na véspera dunhas eleccións, mentres José Luis Baltar practicamente sabía desde había un ano a que lle podía caer, e por iso dimitiu, segundo contou este periódico, e a decisión de imputalo fíxose pública prudentemente logo de que se calmasen as augas electorais.

Nestes asuntos penais sempre se empeza por dicir que a vaia horas, que todo o mundo o sabía e que sempre collen aos chinchos e nunca aos arroaces. Sobre o primeiro acábase por botarlle a culpa á sociedade, que non castiga a corrupción, e sobre o segundo razóase que o feito de que haxa homicidios non quita que tamén se teñan que poñer multas de tráfico. A mellor mostra da desigualdade é a que os propios maxistrados gastan entre si. Ao xuíz Javier de Urquía, condenárono a 21 meses de suspensión por cohecho e absolvérono de prevaricación por recibir a entrada dun apartamento a cambio de favores xudiciais por parte do cerebro operación “Malaya”. A Garzón caéronlle 11 anos de inhabilitación por unha decisión considerada ilegal.

Pero ao final no que máis ou menos estivemos de acordo é que o que se parecería máis á xustiza de verdade non sería tanto que un cargo público fose condenado ou inhabilitado por un delito máis ou menos grave e máis ou menos administrativo, senón que esa instrución debería ser o punto de partida para establecer cales son as propiedades do investigado. Porque (case)ninguén comete un delito polo pracer de delinquir, senón polo beneficio económico que lle reporta, e unha forma de saber os que cometeu é contar os beneficios. Saber de onde sacaron o que algúns teñen sería máis xusto e máis edificante que establecer se foi irregular ou non o papel aquel que asinaron ou non. Así e todo, que o este país estea como está non nos estragou a cea.

(La Opinión de A Coruña 12 de xaneiro de 2013)

Advertisements