Etiquetas
amnistía fiscal, Bárcenas, corrupción, corrupción económica, financiación ilegal, Hacienda, paraísos fiscaiis, PP, Suíza
“La prisionera de Hacienda”. Nun dos primeiros libros de estilo que usei, esta era das poucas excepcións que se aceptaban á norma de non parafrasear títulos de novelas ou películas para titular reportaxes. Referíase a Lola Flores, sacrificada nos tribunais polos primeiros gobernos de Felipe González como vítima propiciatoria para que a sociedade vise que o de Facenda ía en serio. Se trababa nun símbolo de España como Lola, ninguén estaba a salvo, era a mensaxe a unha sociedade que viña da fiscalidade franquista, na que aos empregados lles descontaban a parte que lle tocaba, e o resto pagaba o que calculaba que colaba, a ollo, ou o que lle petaba. Polo que se ve, e como confirma o asunto Bárcenas, nisto tamén seguimos igual ca antes.
O tal Bárcenas é ese señor que lle senta tan ben o abrigo que parece que naceu nel. Hai moitos, moitos anos, antes da crise, cando era senador e tesoureiro do PP, teño un vago recordo de que saíra á luz de que a súa señora andaba con bolsas de plástico cheas de billetes de 500 €. Daquela o das bolsas con cartos era un uso social habitual entre as señoras de determinados políticos, e non só en Madrid, como entre as de clase media alta o é conducir todoterrenos. Bárcenas era dos que aparecían nos comezos do caso Gürtel, aquel que tan mal instruíra o xuíz Garzón, e por iso o inhabilitaron. Ben inhabilitado, dirá algún, polo que se ve, porque agora resulta que este señor do abrigo que levaba case 30 anos coas contas do PP e con despacho na sede de Génova, tiña 22 millóns en Suíza, e segundo o seu perfil bancario, iso era entre o 20 e o 50% do seu patrimonio total. E desde que fora investigado, aínda lle deu tempo a pasar 2,5 millóns a unha conta aos Estados Unidos. Facenda só lle coñecía actividades de 6.000 euros. O que investía ao ano en abrigos, posiblemente.
Segundo o seu avogado, ía a Suíza a esquiar, e esqueceu que tiña os 22 millóns alí, como a familia Botín esquecera os 2.000 que metera papá cando a guerra. Pero xa legalizara 10 millóns (Bárcenas, Botín legalizou todo) coa amnistía fiscal que fixeron os do despacho do lado do seu. Agora un periódico do réxime (deste) desvela que o home daba sobres con 5.000 ou 15.000 euros aos dirixentes do partido. “Hola, Espe”, “Hola, Luis. Mira, es que vi unos conjuntos monísimos de Rabanne aquí al lado y me dejé la cartera… “ “Nada, ¿te llega con esto?”. “¡Hombre, Federico!” “¡Chico, Luis, me tienes que dar la dirección de tu sastre! Por cierto, me viene ahí el plazo de un tanque para el jardín…”. A todos menos a Cospedal e a Rajoy, que acabou coa práctica en 2009. Que ben, xustiño para que pasaran os catro anos nos que prescribe o delito de financiamento ilegal.
Non é por meterlles medo, pero imaxinen que cousas saberíamos se os medios de comunicación non estiveran ao borde da asfixia e dependeran so do público, e se a xustiza fose independente, tivese medios e mellor organización. Ou quizais entón estas cousas non pasarían.
(La Opinión de A Coruña 19/1/2013, Faro de Vigo, 22/1/2013)