Etiquetas

, , , , ,

“Soy andaluz y pido una ayuda por necesidad. Muchas gracias”. Acababa de ver este exemplo de mendicidade estática, na súa variante de destaque da orixe foránea (imaxino que para resaltar o desamparo, aínda que neste caso, con perdón, parecía que o que resaltaba é que o facía por necesidade e non por outra razón) cando me rodeou unha rapaza con carpeta. Digo rodeou, porque non sei onde as adestran, pero as rapazas e rapaces con carpeta son capaces de interceptar a traxectoria de calquera transeúnte e de levalo a un terreo onde queda irremediablemente confinado, resignado a escoitar a mensaxe-petición correspondente. Neste caso, facerme socio do organismo da ONU que se ocupa dos refuxiados do conflito de Siria.Soy andaluz y pido por necesidad

É que non teño moi claro eu o de Siria, argumentei. O que hai é como é, pero o que vén non parece que saia dos desexos da poboación siria, e fan tantas barbaridades uns coma os outros. Xa, pero os refuxiados hai que atendelos igual, contestoume a rapaza, chea de piercings e de razón. Ben, é que xa son socio dunha ONG que colabora no desenvolvemento dunha zona de África, fai pozos e iso, tentei zafar. Unha cousa non quita a outra, dixo mentres sacaba do peto un sobre todo sobado, parecido aos do colacao ou aos de baixar peso. Custan 50-60 céntimos, e con dous ou tres os nenos van tirando. Co que gasta nunha caña tes a un cativo alimentado. Zafei coa promesa de estudar a oferta, pero ese día non puiden tomar caña ningunha.

Un par de días despois, timbraron na casa. Era outra rapaza con carpeta. Cando estaba a punto de dicirlle que si, que estaba pensando cambiarme de subministradora eléctrica máis que nada por amolar, pero que andaba con algo de presa porque estaba rematando algo que tiña que entregar sen falta, resultou ser doutra ONG. Esta loitaba contra a ablación das nenas africanas. Saínlle outra vez que xa estaba apuntado á que facía pozos. Fixo un intento de debater que o seu, rematar cunha superstición estúpida que atenta contra a integridade sexual das mulleres, era máis importante, pero desistiu, fixo un aceno como que comprendía e foise. Pechei a porta e volvín a tentar rematar o que tiña que entregar, mentres na cabeza se me contrapoñían pozos de auga e ablacións. Xa era case á hora de cear cando timbraron outra vez. Un tipo alto, con gafas e tupé tipo Buddy Holly, pero co pelo roxo, díxome todo educado que andaba a pedir axuda.

O dos pedichóns é unha manifestación de cómo está a cousa que desgraciadamente irá en aumento. A competencia entre ONGs tamén, e posiblemente dentro de non moito tempo a dúbida que me/nos asaltará non é pensar se son tan importantes os pozos de auga e se non pagaría máis a pena axudar a cuestións máis urxentes investindo nelas o que custa unha caña, ou o que se gasta nun periódico. É que xurdirán ONGs para atender aos que pasan necesidades porque a xente deixou de gastar en cañas ou de mercar periódicos. E non precisamente por destinar eses cartos a unha ONG.

 (La Opinión de A Coruña 26/1/2013)

Advertisements