Etiquetas

, , , , ,

Estaba eu comprando o periódico cando me fixei nun señor que miraba desolado un deses diarios madrileños de portada alborotada e dicía en voz alta (esa xente está afeita a falar en voz alta): “Yo no sé a dónde irá este país”. Se se informase noutras fontes posiblemente tería unha idea máis aproximada do rumbo que levamos, e porqué, diríalle, pero eu procuro non entrarlle á xente que fala soa en voz alta, porque consideran a conversa como un duelo a primeiro sangue. Pero de poder falar, eu diríalle que se estamos como estamos, sen saber a onde vamos parar, ou se pararemos, non é por culpa dos Bárcenas e similares. A culpa toda tena o fútbol. Non porque sexa ese estupefaciente que din os intelectuais apocalípticos. O fútbol non é o opio do pobo, o fútbol é o opio, ou a anfetamina, da política.BB8juGICEAAsIMN

         Sexamos realistas, a democracia en España ten menos tradición que a celebración de Halloween. Antes dos cinco anos de práctica democrática na II República había un paripé no que a verdadeira rivalidade era entre os seguidores de Juan Belmonte e os de Joselito. E nos 40 anos de franquismo, que foi cando se educaron en boa parte as nosas clases dirixentes e grande parte das dirixidas, as únicas adscricións permitidas eran as futboleiras. E todos sabemos como é sentir os colores. Tanto ten que o equipo gane de penalti inxusto no último minuto, mentres gane. Os erros arbitrais en contra están tatuados nos hemisferios cerebrais, e contrapóñense con eles os erros a favor como compensación xusta e natural.

Na política é exactamente igual. Fulano e Zutano do teu partido rouban. É que tamén roubaban os do teu. É que estes rouban máis. Porque son máis listos, que os teus nin roubar saben. Este pode ser o cruce de argumentos de dous cidadáns dun Estado integrado desde hai anos na Unión Europea. E o que é máis pasmoso, o dos seus dirixentes, mentres a ningún atracador se lle pasaría pola cabeza defenderse dicindo que tamén atracaba bancos El solitario, e sacaba máis cartos. Ignacio Escolar desmontou o bulo de que o marido da delegada do Goberno de Madrid estivese en busca e captura e lectores de esquerda acusárono de estar defendendo a unha fascista. No caso Bárcenas todo apunta a que: a) hai unha serie de empresarios que, ademais de dar en público consellos de que hai que traballar mais e cobrar menos, daban unha chea de cartos de forma ilegal, non se sabe si graciosamente ou a cambio de algo. b) eses cartos non pasaban pola contabilidade do partido. c) pasaban, vía sobre, aos petos da cúpula do PP, e de paso ás contas do propio Bárcenas. E toda a explicación que se lles ocorre é dicir que Rajoy é bo tipo e debater sobre se ensina a súa declaración da renda (na que vai poñer: ingresos non xustificados, tanto. Si hombre) mentres uns pobres homes e mulleres dan a cara nas redes sociais dicindo #soydelPP.

Corrupción hai en todas partes, pero aquí o que hai é impunidade. Porque as institucións que deberían evitala non funcionan e á xente non lle importa mentres sexa dos seus. Como moito, abstense e deixa de ir ao campo.

(La Opinión de A Coruña, 2 de febreiro de 2013)

Advertisements