Etiquetas

, , , , , , , , , ,

“España ha perdido la confianza en su clase política”. “Los inversores internacionales siguen estrechamente la situación”… Un informe interno da Comisión Europea define a situación española con estas frases, frías, contidas e polo tanto aterradoras. Que nos van dicir a nós, que sabemos, como di o tango, que  “se acabaron los robustos, si hasta yo, que daba gusto, ¡cuatro kilos he bajao!”. O descrédito salpica mesmo a que non se meteu en lama ningunha. Incluso quen faga un partido novo estará baixo sospeita e deberá apresurarse a prometer que non vai facer política. 563d04c0 O pavero da situación é que os que se ofrecen como alternativa renovadora, e o que é peor, os que boa parte da sociedade demanda como salvadores, son políticos máis vistos que Juan Pardo nos especiais da TVG e máis queimados que o ciclomotor dun repartidor de pizzas. É unha mestura do fenómeno Walking Dead  e do sebastianismo que debemos herdar, en cutre, dos nosos compañeiros de península. Xa saben, Walking Dead son eses mortos que non por estalo deixan de moverse e de dar unha boa lata. Por exemplo, Esperanza Aguirre, que como no seu día Rosa Díez se ofrecen como alternativa nova e fresca contra os políticos profesionais de toda a vida… que é o que elas foron sempre. Ou os que perderon nos congresos internos e agora vínganse a micrófono aberto (imaxinan a Bono ou a Rosa Díez como secretarios do PSOE en lugar de Zapatero?, ou a Mayor Oreja ou a Rodrigo Rato na presidencia do PP e non a Rajoy?). Eses políticos sempre me lembran a aquel de El hombre que mató a Liberty Valence, que di que traía un discurso preparado, pero que ante a emoción do momento renunciaba a lelo. Sacaba o papel, facía unha bóla con el e tirábao. Un do público collíao e vía que estaba en branco. O sebastianismo é ese movemento místico-político que se produciu a raíz da morte do rei Sebastião I na batalla contra os mouros en Alcácer-Quibir, e que, segundo a wikipedia, consiste “nunha desconformidade coa situación política vixente e unha expectativa de salvación, ainda que milagrosa, a través da resurrección dun morto ilustre”. Aquí os mortos son os políticos que se foron despois dunha chea de anos, de boa ou mala maneira pero co ciclo rematado, pero hai unha morea de xente empeñada en que volva, que regresen os bos vellos tempos de Franco, Felipe González, Aznar, Paco Vázquez, e que os paran pola rúa para dicirllo (ben, a Franco non). É certo que nalgúns casos os retornos funcionan –Fraga, Beiras-, e non sei se noutros países acontece isto- así, de memoria, só me acorda De Gaulle en Francia- pero esta teima de procurar as solucións no retrovisor dá idea de que esta sociedade moi emprendedora non é, polo menos en cuestións políticas. É tamén explica por que os vellos líderes non se dan ido. A todo isto, o rei Sebastião e as súas guerras foron a ruína de Portugal e a causa de que pasara a depender da coroa española. Pero xa se sabe que se non estás contento co que hai e temes o que pode vir, onde mellor se vive é no pasado. (La Opinión de A Coruña, 8 de febreiro de 2013)

Advertisements