Etiquetas
Foi no comezo dunhas eleccións, para esas seccións que os redactores xefes se matan a argallar, para acabar no de case sempre. Neste caso, unhas pequenas entrevistas a xente máis ou menos coñecida, pero non políticos, sobre temas xerais, tocando o político pero sen meterse a fondo, creo recordar. Porque me chamaron, de parte de alguén que coñecía nese periódico, aínda que non facía falta, e fóronme preguntando e eu respondendo. Acabamos dándonos mutuamente as grazas, como corresponde, e morreu o conto.
Ao día seguinte, ou dous días, abro o xornal, vexo unha entrevista con Jorge Peteiro, comezo a lela, e empézanme a soar as respostas, cada vez máis, ata que me dou conta que as respostas eran as que eu dera, ou a síntese e transcrición das que eu lle dera ao redactor (ás veces non recoñezo de entrada o que digo ou escribo. Nunha ocasión non me dei conta de que nunha unidade didáctica da Xunta utilizaran unha columna miña tal cal, sen citar autor, ata que a comparei co documento orixinal).
Chamei ao amigo do xornal, o recomendador, e informeino de que as opinións que aparecían atribuídas ao pintor Jorge Peteiro eran do xornalista Xosé Manuel Pereiro, por un siascaso. O amigo, que tamén o era de Peteiro, riuse e dixo: “Eu díxenlle que chamara a Peteiro. Xa me parecían raras algunhas cousas, como que coñecera a Manu Chao”. Que eu saiba, Peteiro nunca chamou para queixarse da usurpación nin das opinións a el atribuídas, e eu seguín recibindo por nadal as súas pequenas serigrafías.
Hai que recoñecelo. Para facer o elemental nunha entrevista non hai como a policía. Sempre empeza co nome, DNI, dice ser, vivir, estar, facer… Si o tal fixera iso mesmo (aínda que na súa mesa de Redacción) non sería Peteiro por un día.