Etiquetas

, , , , , , ,

Entre as numerosas virtudes que atesoura Mariano Rajoy está, como bo señor de orde que é, a de ser previsible. O outro día considerou que fóra do bipartidismo, ou sexa que a maiores do seu partido e do outro, o que hai son partidos estrafalarios e minoritarios. Xente rara e pouco de fiar, que non vai a misa de doce ou que non é socia do casino. En definitiva, pasamos do vótenos que imos amañar España e facernos respectar no mundo, a vótenos a nós, ou aos contrarios, porque máis vale malo coñecido que estrafalario por coñecer. A verdade é que mirándoo friamente, estrafalarios hai tanto nos maioritarios como nos minoritarios.

Os dous grandes partidos na nosa contorna serían asimilables a conservadores e progresistas correntes, pero en realidade son como esas tías aparentemente normais que teñen unha boa como animal de compañía. O PP, mal que lles pese a algúns –e non lle pesa nada a outros- naceu dos herdeiros do franquismo, e herdou tamén esa condición de fronte capaz de xuntar tradicionalistas con falanxistas, liberais (deses que, como dicía Chesterton, “se puideran facer calar a todos os que enganan á humanidade con so mover a súa man nun cuarto a escuras, non a moverían”) con partidarios do estado de man dura. Houbo un momento en que representou a boa parte das clases medias españolas, pero agora é a súa caricatura, como se demostra en Compostela. O última medida do seu goberno de xente sobradamente preparada é quitar o soldo ao 82% dos concelleiros. En Galicia non o cobran o 85% (así que para un 3% quizais haxa expectativas, ou non). E toda esa gran racionalización administrativa que asombrará a Europa farase sen fusionar concello ningún e por riba reforzando as Deputacións.

O PSOE tamén se fixo coas vontades da outra metade da sociedade, da que prefería avanzar antes que conservar, pero tampouco está mantendo a confianza da súa clientela, nin sequera ante un goberno ao que non so lle medran os ananos, senón ao que os teóricos xigantes se lle converten en mingurrias. Posiblemente tanta ducha escocesa de xestión de centro-centro cando goberna e tanta proclama de esquerda-esquerda cando oposita, acaba cos nervios de calquera. As demais opción estatais tampouco son un prodixio de coherencia. O de UPyD é un caso obvio de partido camaleón, unha conxunto de lugares comúns populistas que, como as espigadeiras, vai apañando o que cae dos outros. O exemplo da súa política é que Rosa Díez, cando estaba no Europarlamento, non asistiu a sesión ningunha da comisión do Sahara, á que pertencía, e logo foi facer unha foto coa activista Aminatu Haidar cando volveu a El Aaiún despois da folga de fame. E o tradicional esquerdismo de IU concrétase nunha xestión nada corrupta, pero tampouco fóra do normal, como moito aseadita, nos concellos e nalgún cogoberno rexional. As políticas máis destacadas levounas a cabo non a propia IU senón partidos irmáns –a veces mal levados- como ICV ou EB. Precisamente é nas aforas, en Cataluña ou o País Vasco, onde hai formacións políticas, de dereitas, de centro ou de esquerdas, con mais sentido común e que máis fielmente representan os intereses reais dos seus votantes, aínda que aos políticos e periodistas radicados en Madrid lle pareza o contrario. Quizá o que pasa é que as que son estrafalarias ou non son as sociedades.

(LaOpinión de A Coruña, 16 de febreiro de 2013)

 

Advertisements