Etiquetas
abogados, banqueros, clase política, Congreso, Debate del estado de la nación, funcionarios, periodistas, policía, PP, profesores, PSOE, Rajoy, Rubalcaba, sanidad, servicios públicos
Tal día por estas datas, noutras ocasións, estaríaos castigando coas miñas impresións de cómo transcorreu o debate do estado da nación, logo de obrigarme a velo, senón enteiro, polo menos nos momentos estelares. Este ano, sinceramente, paso. Non soamente pasei eu. Tamén pasaron vostedes. Nesta ocasión, a pesar de pratos fortes como a corrupción e a crise, o debate final Rajoy-Rubalcaba vírono algo máis de 400.000 espectadores, 150.000 menos que o de 2011 entre Zapatero-Rajoy. Lonxe quedan aquelas cifras de 2 millóns de xentes que viron o último debate Felipe González- Aznar, ou mesmo o millón e medio longo que viu Aznar contra Borrell.
E iso porque segundo unha enquisa realizada por Metroscopia, chamada Barómetro da confianza, tres de cada catro cidadáns consideran que o Congreso non representa á maioría dos españois, e catro de cada cinco non se sente el representado persoalmente. Esta percepción, digamos pesimista, inclúe, obviamente ao cidadáns que lle deron unha ampla maioría ao PP. A sete de cada dez. E menos dun ano despois de outorgarlles unha das meirandes confianzas que tivo un partido na democracia española. Ben é certo que eses teóricos representantes da vontade popular non son dunha única vontade popular, senón de distintas, e incluso opostas e moi mal levadas, pero se no caso dos que ganaron, sete de cada dez se desentenden do que fan os que eles puxeron aí, botando a outros que estaban, a culpa debería estar máis repartida. Aquí acae perfectamente aquilo de Alberto Moravia, que se estrañaba de que, curiosamente os votantes nunca se senten responsables dos fracasos do goberno que votaron.
E isto é así ata tal punto que nesa enquisa, mesmo os bancos están mellor valorados. Non moito a verdade, un 84% non cree que fagan o seu traballo honradamente, contra o 85% dos políticos, e o 12% cre que si, cando no caso dos políticos só acredita neles o 11%. Pero estamos contrapoñendo institucións que escolleu libremente a xente con outras que non, e que nalgúns casos se xestionaron como se o saco dos cartos non tivese fondo. E agora os buratos de saco –o saco é como un mundo de grande- estanse tapando con miles de millóns que teremos que pagar entre todos. A min que mo expliquen, que non o entendo. O que si entendo é que a xente considere que fan o seu traballo con honradez (a enquisa di que con honestidade, pero como dicía a xente de antes, a honradez tense de cintura para arriba, e a honestidade de cintura para abaixo) o persoal de enfermería (o 94%), o médico (92%), os profesores do ensino público (88%) e a policía (80%). Hai dúas profesións que están no medio: os avogados, que son honrados para o 51% dos enquisados e non o son para o 37%, e os xornalistas, que son de fiar para o 53% e non para o 40%. Se fose que cada un falase da feira segundo lle fose nela, o normal sería que as porcentaxes fosen 50% ben e 50% mal (porque nos xuízos uns ganan e outros perden, e cos informacións uns están de acordo e outros non). Que teñamos un colchón positivo quere dicir que aínda se nos concede o beneficio da dúbida.
(La Opinión de A Coruña, 23 de febreiro de 2013)
…pois eu vexo unha correlación directa entre as porcentaxes e a relación e cercanía dos traballos coas persoas …cercanía física, de servizos, de solucións …iso explicaría a mellor valoración de enfermería que medicina ou a similitude de banqueiros e políticos (no contexto actual)
A xente ten máis relación cos médicos que cos enfermeiros/as (quitados nos hospitais), pero estes teñen un trato máis cercano. Pero non penso que o teñan moito máis cercano -e cando o teñen, por calquera das dúas razóns posibles, malo- coa policía que cos avogados. Hai veces que canto máis achegado, peor é 🙂