Etiquetas

, , , ,

Un fantasma percorre Galicia: a iconoclastia. Non hai institución que se salve. Con diferenza de horas, producíronse circunstancias tan peculiares como que o fillo do máis carismático presidente que tivo a Deputación de Pontevedra pida que desapareza tal organismo, e que unha institución como a Real Academia Galega, á que boa parte da xente da cultura cualifica de intelectualmente inútil e socialmente irrelevante, acenda debates e acapare portadas. E mentres o cuestionamento dunha institución que din esencial no ordenamento administrativo e que move millóns de euros pasou desapercibido, a polémica creada por tres contratos mileuristas ocupou páxinas enteiras. 

Non sei a importancia que debería ter na axenda política, pero o feito de ver a Rafael Cuiña solicitando por escrito, con luz e taquígrafos a disolución da institución que presidiu seu pai, acada o sobresaínte na escala simbólica. Estamos a falar da Deputación de Pontevedra, a que Xosé Cuiña lle quitou a Mariano Rajoy, o rural aos señoritos de Pontevedra. Dunha das principais plataformas que posibilitaron a chegada á presidencia da Xunta de Manuel Fraga, e polo tanto á conformación de Galicia tal e como é, para ben ou para mal. Casos de fillos que se desvían do camiño paterno hai unha chea. Rafael Sánchez Mazas, man dereita de José Antonio Primo de Rivera e autor de “Arriba España” (o berro), tivo os seus fillos ao escritor Rafael Sánchez Ferlosio e o cantautor Chicho (José Antonio Julio Onésimo) Sánchez Ferlosio. O seu xenro foi Javier Pradera e seu neto é Máximo Pradera (a póla Pradera tamén ten o seu aquel). Funde usted Falange para esto. Non sei cantas lle dirían aos Ferlosio de seu pai, pero non hai constancia escrita, para que logo digan do sectarismo dos 70.

As historias dos herdeiros dos catro caciques históricos de Galicia son ben curiosas. José Manuel Baltar Blanco escolleu a vía tradicional de suceder ao pai. Francisco Cacharro Gosende, a non menos tradicional de facerse alto funcionario dunha Deputación -obviamente- coa extravagancia de ser primeiro de UPyD e logo chegar a ser secretario xeral do Partido Liberal Español, para o que a mellor administración é a que non existe. Os fillos biolóxicos de Romay Beccaría non se dedican á política, pero como dixo antonte o propio Cacharro Pardo nunha emisora:  “Feijoo e Rajoy son os fillos de Romay”.

A Academia Galega leva anos sendo o burro dos paus da cultura ídem, con razón nunhas cousas e sen ela noutras moitas. E agora, a polémica serviu para que volva espertar as mesmas paixóns que cando a fundou don Manuel Murguía. Desde os que lle botan a culpa da situación do galego, así por xunto e en xeral, ata quen considera que a caída de Ferrín significa para a cultura galega o mesmo que cando derrubaban ao vixía da torre nas películas de indios: o inicio da masacre. Pasando polos que consideran que debe desaparecer, posto que xa hai unha Academia Galega da Lingua Portuguesa. Pois a RAG será todo menos irrelevante. Ninguén cala e todos se posicionan. Tal como está a cousa xa vexo a Ferrín baixar do Castromil rodeado de micros e de preguntas: “Xosé Luis, é certo o que dixo Axeitos das túas relacións con Freixanes?”, e aos paparazzi espetados diante da casa de Henrique Monteagudo. E por suposto, o Audi de marras no Museo do Pobo Galego. Nunca un coche de terceira man deu tanto de si.

 (La Opinión de A Coruña, 2 de marzo de 2013)

 

 

Advertisements