Etiquetas

, , , ,

Todos os meses recibo un regalo, modesto, pero regalo: o barómetro do CIS (ben, eu e a Casa Real, que non preguntan por ela). Encántame fedellar nas columnas e nos tantos por centos, sacando conclusións pola miña conta, e comparándoas coas que sacan os compañeiros de profesión e os líderes de opinión, que poñen nos titulares. Á hora de sinalar problemas, a maiores do paro, que sinalan oito de cada dez, irrompe con forza nas listas ata o número 2, como din nos 40 Principales, a corrupción, que preocupa a catro de cada dez. Afúndense clásicos de sempre, como as drogas, e nin quedan tronados residuais que teiman en sinalar o problema de ETA. Nin case aparece o outrora ogro do nacionalismo. Nos titulares deste barómetro de febreiro trunfan as profesións.

Desta vez moitos compañeiros láianse, como se non souberan a que se debe, de que os xornalistas aparezamos, cos xuíces, nos últimos lugares da valoración social (nós estamos 8 décimas por riba, para ser xustos) que encabezan os médicos. Os doutores están nunha peaña inalcanzable para os seguintes, os profesores dos distintos tramos educativos, que tamén manteñen na distancia a un pelotón variopinto no que se mesturan escritores, camareiros, arquitectos, barrendeiros e policías locais, e no que o farol vermello son os avogados. Non obstante, á hora de recomendarlle un oficio a un fillo, case a metade dos enquisados optan polo de médico, o seguinte é non contesta, pero o terceiro é avogado e o cuarto é xuíz. Logo veñen os profesores e xa costa abaixo os periodistas, mesmo por riba dos míticos fontaneiros. Vamos, que entre ter un fillo pouco escrupuloso, pero con posición e un que teña un traballiño honrado para ir tirando, a opción está clara.

O barómetro febreiro 2013 fai incidencia no asunto do ensino. Dar clases, de infantes a universitarios, é algo que as clases altas consideran pouco pagado e os obreiros no cualificados bastante, pero sen grandes diferenzas; non ten demasiado prestixio social (quitado os profesores de universidade), require unha formación e unha vocación sólidas, e permite a iniciativa e a creatividade persoal (débese referir a que deixa tempo libre). É curioso que a clase social que considera en maior número (un de cada catro) que a educación secundaria sirve principalmente para preparar aos alumnos para a vida laboral é a clase alta e media alta –suponse que aos fillos dos demais, porque os propios irán á universidade-. Ricos e pobres creen maioritariamente que a percepción social do profesorado empeorou nos últimos dez anos, e que tamén están pouco motivados, sobre todo pola falta de medios. Hai práctica unanimidade en que deberían ser máis respectados polos alumnos, en que non se lles dá bastante autoridade, e que os responsables da educación dos rapaces son os pais e nais.

Curiosamente, os únicos cansos non son os profesores. Cando hai máis dun fillo, os primeiros aprobaban máis veces á primeira máis materias que os segundos, e entre os terceiros dábanse máis casos dos que suspendían máis das que aprobaban. Debe ser que se relaxa a vixilancia.

 (La Opinión de A Coruña, 9 de marzo de 2013)

 

 

Advertisements