Etiquetas

, ,

De entrada, teño que recoñecer que o título e o concepto copieillo ao colega Camilo Franco, ao que llo escoitei hai anos nun debate cultural, pero o resto é todo meu. De segunda man e todo, é de moita utilidade en casos como o que pasou hai nada, cando me chamaron para solidarizarme cunha causa. A min dáme certo pudor manifestarme a favor ou en contra de algo, non porque considere que hai que permanecer neutral –o inferno debería estar cheo de xente que permitiu barbaridades por non intervir para paralas- senón porque non penso que a miña opinión teña un valor máis especial que a de calquera outro. (O que aquí fago é expoñer as miñas dúbidas e/ou desafogarme, e de paso malmeter, que é algo ben distinto de opinar).

      O caso é que alá fun, para atoparme con outros solidarios máis ou menos habituais e coa sorpresa de que a presentadora prevista non podería asistir, e que se non me importaba facer o seu papel. Despois de sinalar a posibles substitutos, por axudar e non por falsa modestia, asumín a encarga e fíxena como puiden. Que puiden mal que ben ata que, chegada a hora das preguntas dos xornalistas, houbo poucas, e un dos solidarios asistentes non se recatou en utilizar a pouca curiosidade dos xornalistas presentes como símbolo da penuria dos medios en todos os aspectos. Quedei atrapado entre o meu papel de solidario representante na mesa e xornalista ofendido con ganas de botar man do de Yoko Ono, que ela e os medios de comunicación teñen a culpa de todo.

Se non estivera na mesa, diríalle en primeiro lugar ao crítico que comparto, por exemplo, que as televisións teñen a culpa de cousas como a divulgación e da implantación social de males como os pantalóns pirata, o peiteado de Iago Aspas, o chándal de paseo e outras mostras do orgullo cani. Que en moitas radios podes cambiar de voces, pero non de argumentos prefabricados. E que a prensa de trincheira campa máis orgullosa ca nunca marchando baixo a bandeira da imparcialidade e o rigor. Pero espetaríalle que tamén sei que moita desa xente que critica eses medios é a que os consume e contribúe a mantelos, a eses e non a outros. E bastantes dos que claman por uns medios independentes en realidade o que piden son uns medios que lles dean a razón, aos que atacarían furibundos acusándoos de traidores se non llela deran cando consideraran que non a tiñan. Desde os anos 60-70 todos temos aprendida a lección do papel que cumpren os medios no consolidación do sistema, pero tamén o que cumpren a escola e a familia, pero para esas outras institucións debeuse decretar unha amnistía cando eu estaba de vacacións.

En segundo lugar, de non estar na mesa, recordaríalle aquilo de Churchill cando lle preguntaron que opinión tiña dos franceses. “Non sei, non os coñezo a todos”, respondeu. Xornalistas, como fontaneiros, avogados e calafateadores de buques, hai de todo. E terceiro e sobre todo: é de moi mala educación, por moi solidario que sexas, invitar a alguén a un acto para logo insultalo. Aínda que sexa a un periodista.

 (La Opinión de A Coruña 23/3/2013)

Advertisements