Etiquetas

, , ,

Ten razón Feijóo. As fotos son o que son. Fotos. As de voda non certifican que unha parella sexa feliz, pero si que un día confiaron o suficiente en selo ata o punto de asinar uns papeis e convidar a unha chea de xente a velo. As de carné non demostran quen somos, pero por algo nolas seguen esixindo no DNI. As súas con Marcial Dorado non demostran que lle deran trato de favor ou de desfavor. Simplemente evidencian que un prometedor –daquela non sabiamos ata que punto- político conservador, responsable entón da rede sanitaria galega e logo da estatal, tiña un estreito trato cun señor que toda a xente das Rías Baixas e os que lían periódicos do resto de Galicia sabían que era un contrabandista de tabaco, e tiñan máis que sospeitas, logo confirmadas, de que andaba na droga.

        As fotos son o que son. Pero detrás delas hai historias. Unha podería ser a de dous rapaces que se crían xuntos a collen camiños distintos, como na novela de Rivas Todo é silencio, ou como parecía que nos querían vender no comunicado inicial de Feijóo. Outra podería ser a do home que, nos comezos da súa carreira, cegado por chegar canto antes á meta, non repara nos atallos que colle. Ningunha das dúas me parece certa. A verdadeira é peor. Empeza con un político de carreira, subsecretario de Gobernación nos estertores do franquismo e vicepresidente da Xunta, Romay Beccaría, que cando é conselleiro de Sanidade ten, inexplicablemente un chofer que é un home de palla dun contrabandista. Parece unha historia siciliana, pero é que os sucesivos partidos de orde naceron de quen mandaba, e nesa parte de Galicia, como en Sicilia, quen mandaba eran os contrabandistas. Así que para un xove cachorro como Feijóo, sen máis ideoloxía que seguir ao abeiro do seu padriño político, navegar ou esquiar cos amigos dos amigos era perfectamente normal. Cuestionar de onde saían os cartos sería de tan mal gusto como preguntarse de onde saían os votos.

Estas e outras fotos son os tesouros dos mouros da nosa época, e sabíase delas desde hai anos, pero estaban a bo recaudo, en boas mans. Por iso Feijóo se permitiu, e lle permitiron, a insidia da foto do iate de (con) Quintana, sen saber que coa tumba do líder nacionalista estaba cavando tamén a súa. Pero Núñez Feijóo, como lle dicía a muller de Camps a El Bigotes, “se pasó 20 pueblos”. Salvoulle o posto a Rajoy, deixándolle o paso expedito para ser presidente e logo foi polas españas todas de referente moral. A pinga, renegar de Bárcenas, das súas pompas e das súas contas en B. Moita xente no PP ten moito que perder con Bárcenas, e as fotos resultaron estar non en boas mans, senón nas mans que apretan (Feijóo está cometendo outra insidia, acusar ás mans equivocadas). Agora aquí uns piden a dimisión ou un acto de contrición semellante, e outros fan círculos cadrados para desculpalo en base, por exemplo, ao tempo transcorrido (criterio que aplicarían seguramente se descubriran unha de Beiras con Idi Amin). En Madrid o PP cala culpablemente, os seus medios deféndeno a medias e na outra banda aproveitan para sacar a pasear os tópicos todos (agradécense os esforzos de dar color local, pero Feijoo non é un cacique. É un señor posto aí pola autoridade competente, que sobrevive en función do seu cargo, e que non duraría nin media hora se o apearan del).

O defunto Cuiña aseguraba no fin da súa carreira política que prefería morrer na area como un gladiador. Agora a area é a do caixón do gato.

(La Opinión de A Coruña 3 de abril de 2013)

Unha foto é unha foto

A columna máis visitada das publicadas en La Opinión

Advertisements