Etiquetas

, , , ,

Isto de ser periodista é algo moi delicado. Difícil non, pero si delicado. O problema non é enterarse das cousas. Como asegura o dito profesional, temo un océano de coñecementos… dun dedo de profundidade. As cousas que lles contamos, na súa maioría, sabémolas porque nolas contan os interesados en que vostedes as saiban. Cando algún de nós conta algo que os demais xornalistas non sabe, polo xeral tamén é porque alguén llo contou para que se soubese. Contadas veces descubrimos algo fozando pola nosa conta, e cada vez descubriremos menos, porque hai que estar a máis cousas e somos menos. Como dicía, o problema non é saber o que pasa. Calquera que traballe no porto –é un dicir- sabe mellor que calquera de nós da actividade portuaria, e quen teña un bar ou un supermercado moito máis da crise e dos seus efectos. O quid está en saber cando poder contalo. E non soamente polo das probas.

       Sendo cínicos, non sei de que nos escandalizamos das fotos de Feijoo con Marcial Dorado, cando xa se relacionaban notoria e publicamente os seus antecesores, como aqueles contrabandistas escapados da xustiza que se entrevistaron con Fernández Albor a ver se lle amañaba o seu. Claro que tamén nos tocou escandalizarnos da foto do Quintana, como se a clase política conservadora e a empresarial se comportasen habitualmente como a auga e o aceite e fosen tan difíciles de fotografar xuntos, antes ou despois de calquera adxudicación, como os rituais de apareamento da pita do monte. Non fai falta ser un curtido analista político: calquera que lea os xornais mais alá da sección de deportes sabe que o financiamento dos partidos políticos é tan irregular –chamémoslle irregular- como un billete de 7,5 €. De aí Naseiro, ao que non lle pasou nada; os de Filesa, que si; e Bárcenas, que aí estamos.

El País sacara hai tempo as fotocopias da contabilidade de Bárcenas que alguén lle pasou, e agora Raúl del Pozo conta en El Mundo que lle dixeron algo que todo o mundo que é alguén en Madrid debe saber: quen deu e canto, quen facía o reparto e de paso regalaba unha caixa de puros, quen facía cheques de 9 millóns de pesetas. Por contar, Del Pozo conta ata quen ten os papeis e mesmo a confianza que ten Bárcenas en que xudicialmente todo acabe en nada, porque nos papeis ten apuntado todo, e se os saca, todos acabarían retratados como o que son (penalmente non sei, moralmente uns hipócritas e coloquialmente uns caraduras), que por algo a el lle chaman Luis El Cabrón. Así que con isto, que todo o mundo debía saber, pero Raúl del Pozo deu o paso de dicilo, resolvese un misterio: o das fotos de Feijoo. “El chaval ese de provincias que deje de ir de capitán araña, que ya bastante lío tenemos aquí”, debeu dicir alguén. Ou parafraseando a Alfonso Guerra, “el que se mueve, sale en la foto”. E xurde outro: os xuíces, fiscais e xente encargada de loitar contra a corrupción non le os periódicos?

(La Opinión de A Coruña 6 de abril de 2013)

Advertisements