Estes son tempos interesantes, din con ironía os chineses nas épocas de axitación e confusión. Estes non o son. Son directamente miserables. Miserable é que un presidente de un goberno, para non dar as explicacións que el mesmo se comprometeu a dar, poña en práctica en sede parlamentaria o método de menosprezar a toda a oposición, e particularmente burlarse dun señor da idade de seu pai. E menos por manifestar unha emoción cando o seu antigo xefe de filas, Fraga Iribarne, era unha bágoa andante, ou basculante.
Non teño especial curiosidade nos posibles negocios que puidese ter a administración do señor Fraga Iribarne coas empresas do contrabandista e patrón de iate Marcial Dorado, e do seu testaferro e chofer da Xunta Manuel Cruz (aka “Cruz Gamada”). Imaxino que se o home de palla dun teórico mediano empresario anda levando conselleiros de acó para aló non é precisamente porque quere seguir prestando servizos á patria, neste caso á galega. E que se un coñecido contrabandista e xa daquela non menos coñecido sospeitoso de narcotráfico anda paseando en barco e levando de festa en party a un aloucado adolescente de 34 anos, responsable do sistema sanitario galego (de momento) non é por distraelo das rutinas da xestión administrativa. Se o facían por algo sería. Desas comenencias estou curado de espantos. A min, como me teño por europeo desde que lin de rapaz a Chesterton e Swift, chégame coa relación. Pero é lóxico que á oposición lle interese saber se houbo contratos. E tamén lle debería interesar a Feijoo demostrar que non. Incluso á cidadanía, aínda que entendo que as mazadas dos alemáns -a Madrid e Barça- a teñan preocupada noutras cousas. Pero o que Feijoo deu no Parlamento foi a súa opinión dos líderes da oposición. Que era ben mala. Se lle caen mal e os considera deleznables, está no seu albedrío invitalos a unhas cañas ou non, mais non negarlle unha explicación, porque están alí porque representan a milleiros de cidadáns. En conxunto a tantos coma el, xa que estamos.
Nese contexto, estaba cantado que Xosé Manuel Beiras – que máis que un político, é un estratega e un performer- reaccionaría. Como reaccionaría calquera, e por iso tivo a solidariedade de moita xente, dos que están fartos de estar fartos, que viron na súa resposta un xesto de dignidade. Feijoo obtivo o beneficio de que a foto fose a de Beiras achegándose ao seu escano e non outra vez a do seu lombo coa nivea, e o estreitar de filas ao seu redor daqueles sectores de orde aos que non lle parece ben que se teñan esas amizades perigosas, pero tampouco ningún tipo de sobresaltos, como que Conde Roa lle fose bater no escano de Touriño, por poñer un exemplo. Beiras, conseguiu o aplauso de todos os que farán del, máis cedo que tarde, o máis que probable líder da oposición.
Teño unha certa sensación de déjà vu. Felipe González dándolle todo tipo de facilidades, mesmo o título de xefe da oposición, ao vello león ídolo da dereita, Manuel Fraga. Cando se decataron de que ser ídolo non quitaba ser un freo, a Fraga abríronlle paso a Galicia, onde se atopou un bravo líder que axiña aglutinou o nacionalismo e se constituíu no seu opoñente…
(La Opinión de A Coruña, 27 de abril de 2013)
A mellor performance de Beiras foi na precampaña, cando dixo que tiña intención de crear un banco público galego cos cartos dalgún “país progresista latinoamericano”. O cumio do colonialismo: Facédeme caso, que ademáis de fanáticos son parvos.
Coido que Xosé Manuel Beiras é escritor,profesor de universidade e tamén político e coido que os bos políticos deben ser estrategas e performers (aínda que non sexan situacionistas).
A reacción de Beiras pareceume maxistral. Feijoo estaba a diluir a sesión parlamentaria coas súas mañas de tertuliano de TV5. Un bolo que todos esqueceríamos en 2días. Fronte a esa insoportable lixeireza, Beiras deulle o carácter dramático que a situación esixía. E así hoxe seguimos a falar do narcopaseo Feijooniano,moitos días despois daquel momento,polo de agora o máis baixo da carreira política de Feijoo segundo comentarios dos lectores de xornais tamén de dereitas como poidan ser o ABC ou a Voz.
Interesante ver como Feijoo perdeu o apoio de xente de dereitas,e tamén como un grupo pequeno (e sectario) de xente que se chama de esquerdas prefiriu atacar a Beiras. Coherente a dereita fiel a Feijoo preferindo orde fronte á xustiza,pero non a( autodenominada) esquerda preferindo o seu bandullo fronte á xustiza.
¿De novo lider da oposición no parlamentiño?. Os seus lectores que xa somos vellos, ainda que non velliños como o santiagues, xa o lembramos do 97 o 2001, facendo o espectáculo como agora e o resultado foi volver a entregarlle semellante posto tan importante para o devir da nación de novo o PSOE no 2001.
Pero ahi que reconocerlle o maxistral velliño que agora podera el só e os seus votantes tras del facer un milagre, conseguir aumentar exponencialmente a representación do glorioso Partido Comunista Español. Un partido que xa ten a presidencia da Real Academia Galega e que co flipante e democratico sistema de cremalleira disa coalición, podera con devir do tempo, a presidencia da Xunta coa ferrolana. So ten que agardar a que pasen uns aniños, miña coitada.
Consello para a izquierda española para que siga con vostedes moitos pero que moitos anos: leven o vello os foros internacionais altermundistas, gosta moito deles. Rianlle moito pero que moito as gracias. Cando faga unha das suas quedense coa boca aberta e asintindo. ISTO ULTIMO E MOI IMPORTANTE, asintanlle decote e perseveren no asentimento, lembren de cando foron estudantes que é un señor catedrático e sonche o mais parecido no mundo civil a un tenente coronel ou a un bispo, sempre, sempre teñn a a rason e sobre todo, sempre mandan.
Saude e moita sorte.
Recoñer a valía de algúen, ou ser mesmo fanboy, non esixe aplaudirlle todas as xogadas. As consecuencias desta última son que esteamos (nós e os medios en xeral) falando de Beiras e non de Feijoo & Marcial Dorado. Non sei era iso ou non o que pretendía Beiras e/ou Feijoo.