Xosé María Palmeiro, a que me une a amizade, a profesión, as iniciais (e así nos interpagaban colaboracións cando os dous eramos correspondentes dun diario madrileño) e ter compartido o cargo e a carga de decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia saberame perdoar que lle teña roubado o título do manifesto que redactou (e que onte mesmo tamén me atribuíron a min nunha publicación dixital) para que o Colexio conmemorase o día internacional dedicado ao asunto, que é o 3 de maio, onte mesmo para vostedes. Se lles parece que isto é como o caso do profesor que encarga un traballo a un alumno para logo copiarllo, indígnense aínda máis, porque neste caso eu son o alumno e Palmeiro o mestre, pero de calquera forma, algo vai mal. 

          Din que os periodistas sempre nos queixamos, e honradamente coido que temos razóns para facelo, como as teñen a inmensa maioría dos sectores. Recitamos a lista de baixas e despedimentos, pero non sei por que iamos ser unha excepción, cando as listas do paro se inchan con todo tipo de oficios e profesións. Recoñezo que o noso pasa por iso que se chama unha crise estrutural, quizais como a que pasaron os vendedores de xeo, e os carboeiros, pero tamén a radio se recuperou cando apareceu a televisión. Aínda que a crise do periodismo xa a había cando as empresas gañaban diñeiro, e algunhas moito, e sendo como é un sector artesanal, no que os produtos aínda se fan a man –ben, a man non, pero si polas persoas, un a un-, meteron os cartos en todo o imaxinable, menos en profesionais. Como o Barça este ano. E declaráronse guerras que aos periodistas nin nos ían nin nos viñan. E en vez de vender noticias puxéronse a vender influencia, a salvar aos intereses X e a matar aos políticos Y. Pero como descubriu o Shylock de El mercader de Venecia, non se pode ter unha libra de carne de poder sen derramar o sangue da credibilidade. E nós limitámonos a agarrar a bandeira da empresa e non dixemos nada.

Como recorda Palmeiro no seu texto, o Día Internacional da Liberdade de Prensa soamente ten 20 anos de existencia, e o lema deste ano “Falar sen risco. Polo exercicio seguro da liberdade de expresión en todos os medios” revela que algo vai mal. Vai mal nos países nos que pola liña editorial non é que che quiten a publicidade, senón da circulación. Vai mal nos que non podes crear un medio de comunicación (aínda que teñas cartos para facelo). E vai mal aquí, onde pronunciamos grandes palabras, que son verdades, e denunciamos graves situacións, que tamén o son, pero nunca se fala de cómo poñerlles remedio. Para rematar coas teóricas roldas de prensa onde non se pode preguntar (o de asistir a un pase televisivo xa entra no humillante) fai falta algo máis un hashtag en twitter. Celebrar a liberdade de expresión e non reclamar consellos informativos nas redaccións, ou negarlle aos cidadáns o amparo dun consello regulador dos medios é como reclamar a igualdade de xénero e o 8 de marzo, “por ser tu día, nena, hago yo la comida y recojo la mesa”.

(La Opinión de A Coruña, 4 de maio de 2013)

Advertisements