Etiquetas
O último que me contaron do AVE “a” Galicia (que en sentido estrito para nós tería que ser o AVE “a” ou “con” Madrid) é que, como moito, non chegará ata 2023. Non sei se daquela será útil para algo máis que para axilizar a mobilidade laboral exterior, ou para encher isto de veraneantes mesetarios de fin de semana, ou para darlle a puntilla definitiva aos tres aeroportos galegos, se ata aló chegan. Pero sei que foi excelente como arma política arreboladiza. Recordo a que lle armaron a finais dos 80 ao daquela presidente González Laxe cando deslizou que non podería estar rematado ata 1993 (ou 1997, non lembro). E máis recentemente, suxerir que podería estar algún raíl sen repasar antes de 2015 era delito de lesa traizón. Agora parece que tanto ten.
Tren a reacción (from http://www.microsiervos.com)
Como tanto ten que dentro dun mes acaben con seis de cada dez estacións de tren no noso país, co argumento de non ser rendibles porque non viaxa xente. Eu non sei se se acordan cando non ía ninguén nos trens A Coruña-Santiago e viceversa (de feito, creo que foi a última vía ferroviaria construída en Galicia). Non subía ninguén porque os servizos eran poucos, caros e de horarios pouco axeitados, a pesares de que entón so había universidade en Santiago. Hoxe, a viaxe parece a caída de Saigón, polo menos nos traxectos que vou eu. Fixeron algo tan inédito en España como tentar axeitar o servizo aos usuarios e non ao revés. En Europa funciona. Demanda? Na Coruña, nunha zona que xa está atravesada por vías de tren, hai 400.000 persoas trasladándose en coche tentando estacionar. Non me falen de demanda.
No que respecta aos cartos, sempre pensei que os servizos públicos tiñan que estar ben xestionados, non ser rendibles. Se nos poñemos así, o gasto en forzas armadas debe ser o único menos rendible que mercar un coche, que en canto saímos do concesionario vale un terzo menos. Deberiamos participar nunha guerra seria cada sete anos para que nos saíra a conta. E sen saír das vías de comunicación, que rendibilidade ten a rede viaria a sitios como Nogueira de Ramuín? Que anden a cabalo polos camiños, hombre! E quen calculou a rendibilidade da terminal nova –ou que facer coa vella- de Lavacolla? Dos desmesurados parkings de Alvedro –e da súa nonnata ampliación de terminal- e de Peinador?, e da fantasmal autoestrada a Lalín? Non quería sacar o caso do aeroporto-paseo peatonal de Castellón, pero tampouco me fai falta: hai que pechar os de Madrid e Barcelona, causantes das enormes perdas de AENA.
Falando de Madrid, eu estou escribindo isto na estación do AVE en Atocha, recén chegado da T4 e sorprendido dunha descuberta de algo que despois de anos vivindo e vindo nesta cidade confeso avergoñado que ignoraba. Os trens de cercanías andan polo medio da cidade. Dez liñas que unen as estacións de Renfe e os principais nós de transbordo do metro. Baixo da superficie. Non debeu ser doado nin barato construír os túneles, pero fíxoo Renfe, ou Adif. O traxecto desde a T4, que me levaría máis ou menos unha hora en metro, fíxeno en media grazas a paralela –e case baleira- liña de cercanías. Debe ser que os parámetros de rendibilidade son distintos segundo os sitios.
(La Opinión de A Coruña 25 de maio de 2013)
Se por min fora non chegaría nunca coma tal TAV…
Un disparate no económico e no funcional, ainda estamos a tempo de reconvertilo…
O TAV para o eixo atlántico e a Portugal…
Para a Meseta, (a Madrid e a un hub ferroviari que conecte con Hendaia e con Cataluña vía Zaragoza), na vez dun TAV exclusivo para viaxeiros, o que facía falla era un bo tren rapido mixto de mercadurías e viaxeiros sen necesidade de chegar a alta velocidade, abonda cunha velocidade algo superior a dos carros ou buses nas autoestradas, pero, sobre todo, orientado as mercadurías vía tren e conectado aos portos e as grandes areas industriais…
Iso é para min a planificación intelixente…
Con todo o respeto pero disinto bastante.
A Costadamorte
Alta velocidade no eixo atlántico-Portugal consiste en facer a saída sur de Vigo e 20 kilómetros de vía. Claro que se Portugal non quere construír os 100 kilómetros a maiores que hai até Porto de pouco vai servir unir Vigo e Tui.
O de un “bo tren rápido” que é o que significa? O problema ferroviario non é do tren, senón de que temos vías do século XIX! Se se quere recortar tempo de viaxe hai que facer un trazado novo e iso é o que custa cartos. E sinceiramente para tempos de viaxe de 5 horas Santiago-Madrid non compensa.
Con respecto ao tren mixto. Precisamente grazas a que se constrúe unha vía totalmente nova para pasaxeiros pode quedar a vella para mercadorías. As mercadorías si que non precisan para nada de alta velocidade, só vía despexada.
A Pereiro
Líneas coma Ourense-Puebla de Sanabria ou Ourense-Monforte-Valdeorras-Ponferrada non son viábeis nin aínda que o tren sexa gratuíto. O que teñen que ter é un bo servizo de autobuses. E nas conexións A Coruña-Lugo-Ourense e A Coruña-Ferrol o que hai que demandar non é que se restablezan os servizos inútiles que hai agora senón que apuren en construír o novo trazado, que lamentabelemente os proxectos están parados.
Na miña opinión o AVE a Madrid vai ser tremendamente positivo para as comunicacións galegas e especialmente para a provincia de Ourense. A pouco que fagan as cousas ben poderían multiplicar por 100 o número de turistas de fin de semana. Tanto a Ribeira Sacra coma o turismo termal poden desenvolverse grazas a ter un tren que poña a madrileños e castellanos en 2 horas en Ourense.
A Daniel: Home, se unha liña é de balde, vai ser dificil que sexa rendible, e se non hai viaxeiros para o tren, tampouco os haberá para o bus, pero do que teño datos -ou dúbidas máis ou menos razonables, a maiores de teimas- é do AVE.
Primeiro da súa rendibilidade, que ninguén estudou, quitado un traballo de María José Caride -antes de ser conselleira- que non concluía nada. Por Europa circulan uns estudos que aseguran que por menos de 6-7 millóns de viaxeiros anuais non paga a pena, pero ao mellor son como aqueles que dicían que o ser humano ou humana non resistiría unha velocidade superior a 25 km/h.
En canto á perspectiva de que se me encha Ourense e a Ribeira Sacra en concreto de mesetarios de fin de semana non me fai especialmente feliz, e non porque non queira o desenvolvemento económico da zona, nin o turismo, senón porque non quero ese desenvolvemento turístico, que é como o experimentado pola costa levantina, agora que os seus propios erros e o cambio climático deixe aquilo inhabitable.
Pero a maiores das miñas teimas, tamén hai quen -economistas- asegura que o que crean estes inventos é un efecto succión, que, entre as que pon en contacto desenvolven ás economías máis adiantadas á costa das menos.
Que o AVE non é economicamente rendíbel está claro. Tiven a sorte de conhecer ao tipo que fixo o estudo de impacto da alta velocidade Vigo-Porto (do BEI) e segundo el, non había por onde collelo. O Galiza-Madrid tampouco será economicamente rendíbel pero é o único xeito viábel de que aumenten significativamente os usuarios do tren (para min entra na categoría de servizos públicos que fala no seu artigo). O que nunca comprendo do debate do AVE en Galiza é a posición (moi frecuente entre o nacionalismo do que formo parte) de que gastar 100 nun tren rápido é malo e gastar 30 nun tren lento é bo. Para min gastar 30 en algo que non arranxa nada é doblemente negativo.
O bus é acaído para mover 40-50 pasaxeiros por traxecto mentras que un tren se non move polo menos 200-250 non ten sentido ningún. Por iso me parece ben que pechen determindas linhas de ferrocarril e as substitúan por linhas de autobús.
E finalmente, co tema Ourense. Atraer madrilenhos de fin de semana pode que non sexa o ideal pero é o tipo de turismo “termal” que pode atraer Ourense. Vexo difícil que os escandinavos se acheguen até aquí para ir á sauna. E a Ribeira Sacra non a destrozan os turistas, senón Iberdrola aproveitando que cada vez queda menos xente na zona para protestar.
Dito isto, sempre é un pracer lelo.
Eu sempre preferirei o tren ao avión, ou sexa que mellor dilapidar no AVE que desbaldir nos aeroportos, aínda que non sei se esa proporción 100/30 é a xusta ou moito maior.
En cando ao dos turistas, pero se a Ribeira Sacra está chea de british que mercan casas e mesmo unha aldea enteira! Non me traia madriles que me enchen os bares todos cos seus atroces acentos.
E sempre é un pracer debater, e máis con xente educada e informada que sostén posicións contrarias ás de un e ás habituais onde un se move. Alixeira a cabeza e espile a mente.
Pois comparemos Atocha coa burrada que se quere facer en Vigo. Na terminal madrileña, feita ten tempos dun ministro de Fomento chamado Abel Caballero, xúntanse os trens de alta velocidade, cos rexionais e cos de proximidades. É unha verdadeira terminal intermodal porque ademais ten estación de metro e intercambiador de autobuses.
Porén no Vigo do anterior ministro de fomento, a estación do AVE estará separada da outra e a intermodalidade co autobús, por agora, non pasa de proxecto. Non sería difícil facer dúas terminais, coma en Atocha, a dous niveis: o inferior para a alta velocidade e o superior para uns bos trens de proximidades que nos acheguen a Redondela, Pontevedra, Tui, Salvaterra, O Porriño, Ourense,… aproveitando a liña do Miño e a da ría. Seguro que aí si que habería demanda.
Concordo en que esa enfermiza, e irracional, teima no AVE vai acabar co noso sistema ferroviario e lastrar o transporte colectivo interior de Galicia. Ese que, con frecuencias, horarios, servizos e prezos, utiliza máis xente. Porque eu a Madrid vou unha ou dúas veces ao ano.