Etiquetas

, , , ,

Non se freguen os ollos e comproben se están lendo o que pensan que están lendo. En efecto, eu son un decidido partidario de que haxa unha materia de Relixión no ensino secundario. 

Claro que o que eu chamo “relixión” é a historia das relixións, o estudo do importante fenómeno político, social e cultural que foron e son as relixións na historia da humanidade, non a un período do horario escolar dedicado ao adoutrinamento da relixión católica (e xa postos, de ningunha outra que pretenda colarse no ensino co argumento de que é maioritaria ou ten unha implantación X nese distrito educativo).

  Eu de pequeno era bastante fan do que daquela se chamaba Historia Sagrada. Era como unha película: había bos e malos, protagonistas chulos, acción a esgalla, e se a cousa se torcía, aparecía Deus e poñía as cousas no seu sitio. Ben, ás veces pasábase un pouco. Tampouco fóra para tanto botar un ollo cara atrás como para converter en estatua de sal para sempre á muller de Lot. Ou deixar a Moisés apatrullando o deserto o que lle quedaba de vida, e con el ao resto da tropa, por unha arroutada de nada. E non digamos da mitoloxía grega e romana, cos seus deuses trampulleiros e deusas namoradizas, sempre agachándose os amantes uns aos outros e converténdoos no que tiñan máis a man. Estaría ben saber das deidades escuras e non moi esixentes aos que invocaban os nosos antepasados, das divindades crueis e sedentas de sangue das civilizacións do sol, e da aparición dos deuses apocalípticos e exclusivistas que apareceron en Oriente con pretensión de monopolio.

Analizar o nacemento do cristianismo como unha relixión liberadora dos escravos que pronto de fixo relixión de poder. Describir e catalogar as herexías que durante séculos ocuparon as mellores cabezas en debates intensísimos, ata que esas cabezas foron separadas do corpo, e coas dos líderes, as de milleiros de seguidores. Por exemplo e por orde alfabética: o abecedarianismo (do século XVI, consideraban que para salvarse era necesario non saber ler nin escribir), adamismo (s. II, o nudismo como volta ao Edén), adopcionismo (s. II, Xesucristo era adoptado), agnoetismo (s. VI., sostiñan que Cristo ignoraba o día e a hora do Xuízo final), anabaptismo (s. XVI, consideran inválido o bautismo infantil), antinomismo (s. XVI, xa que a gracia é infinita, podemos pecar cuanto queiramos). Nesa materia, que penso que se debería chamar Historia das Relixións, había que dar tamén o nacemento do Islam como relixión alternativa e o choque, espiritual, ideolóxico e militar que supuxo durante séculos. A Igrexa como difusora de ideoloxía antes de que existira a escolarización universal e os medios de comunicación. A Inquisición como KGB/FBI das monarquías católicas. O seu papel asistencial, e mesmo liberador en determinadas circunstancias e zonas do mundo. Ao fin e ao cabo, estamos falando de historia.

O que non hai por onde collelo é que se pretenda impoñer unha sesión de adoutrinamento en horario escolar, e que sexa evaluable. Como se puntúa a fe? Quen merece máis nota, un descrido capaz de recitar as letanías lauretanas de corrido, ou un cazurro con fe? Juan Bautista María Vianney chegou a ser o santo cura de Ars, pero santo e todo ninguén lle quitou que necesitara 13 anos para dar acabado a carreira de sacerdote.

(La Opinión de A Coruña, 1 de xuño de 2013)

 

 

 

 

Advertisements