Etiquetas

, , , ,

Aínda que xa teñan escoitado falar ben dela (quero dicir, ou en positivo, ou unha chea de veces), “Marca España” ese plan deseñado polo Goberno para facernos respectar polo mundo adiante, presentouse o xoves pasado en Bruxelas. Efectivamente, como un perfecto símbolo da Marca España, a Marca España tería que estar en marcha hai un ano, pero foise retrasando a causa de… pois,.. non se sabe. Quizais para cadrar coa Marca España.

     Falta fai, desde logo, porque a actual Marca España (chamémoslle ME) é a dun país na que as únicas institucións nas que non se descubriron indicios de corrupción debeu ser algunha sociedade columbófila e algunha asociación filatélica (ai, non!, esquecíame do Fórum Filatélico!) Un país no que é normal que dirixentes do partido no Goberno e do propio Goberno estiveran apañando cartos en sobres durante anos. No que membros da Casa Real –presuntamente- estafaran á facenda e a administracións públicas. No que a máxima autoridade xudicial pase a metade da semana en veladas románticas co seu gardacostas a conta do erario público e non entenda por que ten que dimitir. O xefe dos empresarios, menos de atracar bancos, está acusado de case todo. Que lles vou contar que non saiban.

Margallo (no centro, sentado), durante a presentación da Marca España, en Bruselas. / K. RODRIGO (EFE) Vexan a atención que lle prodiga a tanta arte.

Pois a batalla contra esa imaxe comezou cunha gala de alto tronío no Parlamento Europeo, na que o ministro de Exteriores, José Manuel García-Margallo, chamou a superar o cliché da “España de charanga y pandereta”. O acto ME presentábao Carlos Herrera. Vaia por Dior. Herrera é un animal radiofónico, ninguén llelo quita, e ten unha prestancia e un saber estar que tamén están fóra de calquera dúbida. Aí está o problema. Un ve a Carlos Herrera con esa estilazo, ese peinado, ese bigote (os toureiros non levan bigote, pero iso os estranxeiros non o saben) e ese ton bronce, e xa se senten os claríns e dan ganas de darlle a chaqueta para que dea uns pases. Non é por varrer para casa, pero por poñer un exemplo, Julia Otero daba un aire como menos tradicional. Claro que Herrera ou Otero tanto tiñan, porque o espectáculo musical da gala era flamenco, imaxino que do auténtico e/ou moderno, sen pandeireta nin charanga. Margallo, xa metido en fariña de superar clichés nacionalistas, advertíu aos cataláns e vascos que andan a vender no estranxeiro a súa propia imaxe: “quien tiene una marca tiene una marca, pero quien tiene dos solo tiene media y quien tiene tres, ninguna”. Como se as demais comunidades non fixeran campañas, e como se os británicos non vendera á vez a Casa Real e Escocia, e os EEUU o New York cool, a Texas vaqueira e a California de sol, descapotables e sorrisos cheos de dentes. E dille a un neoyorkino que o representa un vaqueiro ou a un texano que o representa un californiano en bermudas.

Na gala ME non todo era como cando a cousa se chamaba españolear e se lle encargaba as folclóricas e a súa iniciativa privada. Tamén había representación do mundo da moda, encabezados por Victorio & Lucchino, (que pese as aparencias, son sevillanos), da gastronomía e da empresa (Campofrío, entre outras). Pois ben, V&L levan sen presentar contas desde 2006, deben a Facenda e á SS 5 millóns de €, e 5 meses de soldo ao persoal. Campofrío é do moi español sector da chacutería, pero o seu accionista maioritario era norteamericano ata que hai uns días pasou a ser un grupo chinés. Máis ME imposible. Pero non haxa medo, que a ME non sufriu a pesar da gala. Ser foi en Bruxelas, pero practicamente todos os 500 asistentes eran españois.

 (La Opinión de A Coruña, 8 de xuño de 2013)

Advertisements