Etiquetas

, , , , , ,

O poder é unha mestura de forza e coñecemento (o segundo para saber a quen lle hai que aplicar a primeira). En canto houbo autoridade, despois das dos encargados de manter a orde e impoñer respecto a base de paus, as segundas oposicións convocadas deberon ser ao corpo de espías. Todos temos en mente esa imaxe das películas do aristócrata malvado que lle dá un saqueto de moedas a un tipo repelente envolto nunha capa que lle vén cuns contos secretos. Pois agora, o panorama internacional está un tanto alterado, no recuncho que che deixan os acontecementos en Oriente de aquí ao lado, porque se descubriu que os espías espían.

        En concreto, escandalizámonos de que os franceses espían aos franceses (os franceses sempre foron moi seus), e que os estadounidenses espían a todo o mundo, democraticamente, sen reparar se son amigos, inimigos, ou se teñen días. A verdade é que as tendencias, como din os da moda e os politólogos, xa apuntaban a que os gobernos se querían enterar de todo. Ter para internet leis que permitían facer o que teoricamente non se permite facer coas outras comunicacións, como a postal ou a telefónica.
Parécenos moi mal, pero en realidade, os servizos de espionaxe, desde que se foron relaxando aqueles tipo Echelon que se dedicaba a espiar aos comunistas e subversivos propios, e os que andaban a leas cos espías do bloque do Leste, para o que serven é para facer espionaxe industrial para as empresas patrias. Da mesma forma que os gobernos o que fan é de comerciais das sociedades multinacionais radicadas nos países respectivos.

Un deses volumes que me regala a miña estimada sogra porque pensa que me gustan os libros de periodistas afirmaba na portada desvelar os secretos do servizo de intelixencia español. Por suposto, non era certo. A maiores da hemeroteca e dos “un alto cargo que no quiere ser identificado me dice en confianza” habituais, o que en realidade conta do entón CESID é como lle sacaron a uns negociadores cubanos o prezo final que estaban dispostos a aceptar polo subministro de azucre, e como se fixeron cos vídeos que unha tonadillera gardaba dos seus encontros cunha altísima autoridade do estado. É dicir, dúas misións que podían ter feito os tipos aqueles da capa que cobraban en saquetos de moedas.

O que me estraña é a hipocrisía de poñerse digno e protestar por ser espiado e ao tempo contribuír a que se persiga a quen denunciou o delito como se fose como o touro que matou a Manolete. E que se viole o dereito internacional dunha forma atroz, pretendendo rexistrar o avión do xefe de estado de Bolivia por se leva un pasaxeiro (iso é o que fan os bos nas pelis, non?), cando os violadores fixeron vós, ou permitíronos, cheos de tipos secuestrados ilegalmente. En resumo, os gobernos das democracias occidentais fan o que lles peta coas normas que eles consideran que son tan elevadas que mesmo poden ser impostas aos demais pola forza, pero os malos a perseguir son xente como Assange (que desvelou as trapisondas de medio mundo), Falciani (os ricos con contas ocultas en Suíza) ou Snowden (que estamos sendo espiados pola cara).

Como dixo o outro, se esta é a nova orde mundial que nos prometeron, que o demo me leve.

 (La Opinión de A Coruña, 6 de xullo de 2013)

Advertisements