Etiquetas

, ,

Rematou a vista oral do Prestige, aínda que, como naquel programa de veredictos televisivos, o resultado saberémolo despois da publicidade, así que pase o verán. E como naquel programa, a verdade verdadeira do Prestige estivo máis ou menos tan ausente antes como despois da publicidade. Custa crer que a responsabilidade dun desastre que afectou a costa de tres países e provocou danos por valor duns 4.500 millóns de euros, por poñer unha cifra, sexa de tres vellos xubilados. O capitán do petroleiro, Apostolos Mangouras, o seu xefe de Máquinas e o entón director xeral da Mariña Mercante José Luis López Sors. Despois de dez anos de instrución dun sumario, de meses de vista oral dun xuízo que custou unha presada de cartos o presidente do tribunal, Juan Luís Pía chegou a unha conclusión que xa se sabía de partida: no banco dos acusados falta unha chea de xente, en concreto os responsables políticos da xestión da catástrofe e os empresarios do barco.

foto ABC

 

    Todo iso xa o sabiamos hai dez anos, cando andabamos vendo manchas de chapapote onde nos dicían que había galletas de fuel. Sabiamos que, dunha maneira ou doutra, ían zafar os responsables. Xa estabamos experienciados. Nesta ocasión houbo un paripé. Detiveron (coa máis que dubidosa autoridade dun inspector marítimo) a un capitán que cumpría ordes do seu armador, pero non lle pasou nada ao concesionario dun servizo de rescate que –outra vez- negociaba como se fose privado. Meteron ao capitán en prisión durante meses, unha medida inédita e que nos enchería de indignación se a tomaran cun dos patróns dos pesqueiros nosos que trincan por aí faenando onde non deben. E de aí en adiante, a ineficacia que converteu un accidente nunha catástrofe, e a mala fe coa que se quixo agachar.

Dentro da ineficacia da administración española á hora de afrontar problemas está que un rapaz que queima unha foto do rei acaba sendo xulgado nun tribunal tan pouco explicable como a Audiencia Nacional, pero un sinistro con implicacións multimillonarias e internacionais instrúeo un xulgado unipersoal. Tamén se sabía, como recoñeceu o maxistrado Juan Luis Pía, que meterlle como lle meteu o goberno de Aznar un preito en EEUU á clasificadora ABS nun intento máis de demostrar que todo o mundo tiña a culpa quitado el (o goberno de Aznar) so valeu para gastar máis cartos e prexudicar os intereses de España. Todo xa se sabía, pero todo era un ladrar un rancor polas esquinas.

O xuízo, non obstante, vale para algo. O que perde unha vaca e encontra un corno, xa non perdeu todo, di a expresión popular. Valeu para que cadaquén se retrate. Un vello capitán de 80 anos, que leva 10 sendo tratado como un delincuente, para que aproveite as súas últimas palabras para desfacerse en agradecementos “ao pobo galego”. O seu xefe de máquinas, un home de mar que traballo por un salario que non chegaría para pagar unha xornada do seu avogado defensor, tamén pediu perdón aos galegos polos danos do Prestige. López Sors só lle deu as grazas á súa avogada. E soubemos tamén que os maxistrados, ou polo menos este Juan Luis Pía, ter terán que aterse a xulgar a quen lle poñen diante e aos feitos probados, pero tampouco eles queren que os tomen por parvos.

(La Opinión de A Coruña 13/7/2013)

Advertisements