Etiquetas

, , , , ,

Que pereza, señor, que pereza. Fóra loce un ceo azul –non sabemos por canto tempo- e non debe ir un calor abafante. E malo será que non corra unha brisa. E se non, e non hai sombra a man, sempre está a da casa e un libro de calquera triloxía nórdica, que non se dea aguantado cunha man soa. Pero non, houbo comparecencia de Rajoy no Congreso, e suponse que o feito de que o presidente dun Goberno sustentado por un partido acusado de financiarse (o partido e os dirixentes) ilegalmente por empresarios a cambio da concesión de contratos dea explicacións ao país é máis interesante que o deambular existencial de Pereiro das novelas de Dennis Lehane ás de Philip Kerr, ou da súa nostalxia dos castiñeiros. Pois espectáculo habería máis nas Cortes, pero interese, non sei que lles diga.

      O de antonte, efectivamente, parecía que ía ser un día histórico. Rajoy, que nos últimos meses debía ter a Bárcenas presente no 75% das súas conversas e no 90% dos seus pensamentos, pero era tan reticente a pronunciar o seu nome como os xudeus o de Yhavé, mencionouno unha vez cada catro minutos. Recapitulando para os que estiveron os últimos meses presos en Tailandia ou gravemente afectados por un golpe na cabeza: O tal Bárcenas era –ou é, non está moi claro porque foi despedido cun procedemento inédito, que se os leva a maxistratura, seguro que gana- un tesoureiro do PP, que foi descuberto cuns 40 millóns de euros en Suíza que esquecera declarar. Como vive dun soldo, dixo que os ganara na bolsa (el debeu ganar o que os demais perderon). Cando viu que a xustiza non lle pedía perdón nin o indemnizaba –aínda que non o detiveron, nin lle rexistraron a casa, nin nada- empezou a largar o que todo o mundo sabe pero non di: que polo seu despacho pasaban señores con pasta que logo recibían contratos (ou viceversa, se non era por esta xa sería por outra). Os señores non foron chamados a declarar nin nada. Eses cartos ían para pagar esas campañas tan divertidas das épocas electorais, sobre-soldos para que siga eternamente na política uns que nunca ganaron nada, ou para manter en primeira liña xente que é de terceira, para soster carromeros e andreasfabras cando non hai teta pública da que poñelos a mamar, etc.

Rajoy, ou máis ben quen lle escribiu o discurso, non foi ao parlamento a aclarar nada diso. Foi a dicir –a ler- que se equivocara. “Me la metieron doblada, señores. Que le vamos a hacer, la vida es así ”, diría se se puidese poñer coloquial e un pouco Sergio Dalma. Serei parvo, pero non malo, era a mensaxe, ao tempo que deixaba claro que os da oposición si que eran malos porque estaban do mesmo lado que Bárcenas. E despois, o método de moda para gobernantes: vostede-pregunte-o-que-queira-que-eu-respóndolle-o-que-me-peta. Esa liña de razoamento lóxico daqueles dous personaxes de Ruido de fondo, de Don DeLillo: “Vai chover pola noite”. “Está chovendo agora”. “A radio dixo que pola noite”. (E no partido, militantes e votantes, de acordo e contentos, que é do que se trata).

 (La Opinión de A Coruña, 3/08/2013)

 

 

 

Advertisements