Etiquetas

, , , , , ,

Se a noite de San Xoán Galicia a vista de paxaro debe ser unha miríade de puntiños de luz que se achican e se agrandan, a semana que ven, a oído de paxaro, o país será un rebumbio de watios de sons de todo tipo (non sei se este ano seguirá vixente El Polvorete ou cal é o éxito que arrasa nos palcos este verán. Algo de Efecto Pasillo?). Todas esas orquestras, charangas e grupos de baile inundan as nosas prazas e as nosas orellas en boa medida grazas as achegas particulares. Hai si, concertos gratuítos nas cidades, pero son ducias en comparación cos milleiros que se organizan a base de que os patróns que bailan o agarrado e os rapaces con pantalóns pirata e mozas con top que miran uns para os outros nos bochinches se rascaron as carteiras. Ou pagados coas copas. O sector da industria cultural está que trina, e non harmoniosamente. É o primeiro que se considera prescindible ou recortable cando na economía veñen mal dadas. É o que leva a fama de subvencionado, cando en realidade é dos máis autosustentables, e sobre todo, cando outros cardan a lá. Os que menos se espera.

        Segundo un estudo que fixo a axencia española de cualificación Axesor cruzando os datos do BOE e dos diarios oficiais das comunidades autónomas, o ano pasado en España as administracións repartiron máis de 3.000 millóns de euros en subvencións. Case o 70% a pequenas e medianas empresas, o que parece natural, sobre todo cando os bancos non soltan un can. O que canta é que o 30% restante fose a multinacionais. Peugeot España apañou 66,7 millóns de euros. Ben máis que todos os deostados partidos políticos xuntos, que se repartiron 52,7 millóns, case a metade para o PP. En total, o top ten de empresas subvencionadas polo estado nas súas diversas encarnacións administrativas compóñeno tres empresas automobilísticas (postos 1º,5º,6º), tres mineiras (2º,3º,7º), unha de telefonía (4º), unha aseguradora (8º), unha aeronáutica (9º) e unha distribuidora eléctrica (10º). A que menos, 17 millóns de euros, e por xunto, uns 270 millóns.

Dez empresas máis perceptoras de subvencións públicas. Fonte: Axesor

En resumo, non ademais da industrias extractivas clásica do carbón que todos os días nos recordan que estamos a subvencionar, o resto parecen desas modernas e punteiras que se tiñan que amañar soas. Xa sei que subvencionando fábricas de coches se apuntalan postos de traballo –hoxe aos obreiros póñennos ou póñense os primeiros na barricada de reclamar esas axudas para as empresas-, pero nas outras ata me costa crer a función social da subvención. (Apresúrome a matizar que non dubido que a teña. É que non lla vexo. Quizais se me subvencionaran algún curso axeitado…)

Outra cousa curiosa é a distribución territorial das subvencións. As tamén deostadas administracións autonómicas axudan máis que a central, sobre todo agora que hai menos cartos. Do 42% en 2011 pasaron a ter que ocuparse do 53% das subvencións. Non obstante, a baixa das axudas autonómicas aos empresarios cántabros, aragoneses, canarios, castellano-manchegos, vascos e galegos foi de máis dun 20%. E tres de cada dez euros de axudas estatais foron a empresas radicadas en Madrid. Debe ser que alí é máis fácil botar as instancias.

 (La Opinión de A Coruña 10/08/2013)

Advertisements