Alguén debería frear esta desafortunada tendencia antes que vaia a maiores, entre a culpable indiferenza da sociedade, e se manque alguén e teñamos unha desgraza. O que avisa non é traidor. Se seguimos concentrando todos os saraos en agosto pódense producir todo tipo de alteracións psicolóxicas en colectivos relevantes, carencias auditivas a moreas e graves perturbacións nas normas de relación socialmente admitidas en concentracións de poboación estatisticamente relevantes. Polo menos estas serían as conclusións dun estudio minimamente serio que eu podería facer sen problema, se non estivera todo este mes da ceca á meca sen acougo ningún.

     Teoricamente, xa sabemos, estes eran tempos para descansar do duro choiar do resto do ano, quitado no campo. Agora, debe ser no campo onde descansan algo máis. Mesmo aos parados que non poden ir a sitio ningún xa lles levan o rebumbio a casa. Eu non sei –xa saben, non tiven tempo- se as festas se foron concentrando nestas datas por un sutil proceso de decantación a favor dos santos patróns máis de verán, independentemente do milagreiros que fosen ou do arraigo que tivesen, ou se trasladou a data e xa está, total ao santo/santa que máis lle tiña. O das festas gastronómicas si que está estudado –aínda que quedan fenómenos por aclarar como o misterio de como a Festa do Marisco do Grove deu amoreado unhas débedas considerables-. O caso é que entre unhas festas e outras, estase dando o fenómeno de que xa hai xente que escapa delas, patriotas redondos da localidade de toda a vida que pretextan unha voda, unha operación urxente, unha misión secreta para xustificar a ausencia dos festexos nos que sempre estaban a pe de obra. (Non haxa pena, o ano que vén estarán outra vez. O sitio onde procuraron refuxio estaba tan atacado como o do que escapaban, e polo menos, os suores e os berros das patronais son de veciños).

E os que pretendemos aproveitar as oportunidades que dá o verán galego, as súas praias e os seus montes, os seus microclimas, as súas comisións de festas e as súas concellerías de cultura, témolo peor. Eu pasei un mes carrexando un par de maletóns como se me fose de emigrante (de feito, o maior fóiseme a traballar a Oxford e levou un trolley considerablemente máis pequeno), en ocasións para soamente un par de membros da familia, e para unha noite. Agora que descansaron os maletóns –e eu con eles- descubrín no fondo roupa que xa esquecera que tiña. E toda esa carreira, para perderte todo o que paga a pena. Se vas ver os fogos de Bouzas, resulta que te perdiches a feira do viño de Sober. Retrasas a túa chegada a Monforte para poder ver algo do festival PortAmerica, e vai e actuaron o día anterior Arizona Baby, que precisamente non os puideches ver o ano pasado en PortAmerica. Cruzas Galicia dun lado a outro coa esperanza –e no meu caso con dúas maletas– de estar no sitio, no día e coa xente axeitada, e como moito atinas dúas de tres. Xa que o dos incendios non parece ter remedio, nin lle preocupa nin a uns nin a outros, que se debata se é bo concentrar todo nun mes e deixar a monte os outros once.

(La Opinión de A Coruña, 24/08/2013)

Advertisements