Etiquetas

, , , , , , , , , , ,

Que pasa en Siria? Quitado que morre moita xente que non o merece, e que a que quizais o merece algo máis morre menos, como pasa sempre, non o sei. E non mo digan, que non me vou fiar, que xa estou escaldado. Eu sei o que pasaba na película Lawrence de Arabia. Os árabes, logo de vencer aos turcos, toman Damasco. Non sei se lembrarán, porque era cara o final, e despois das escenas memorables de batallas e paisaxes desérticas, a tensión baixaba bastante, pero o caso é que os vitoriosos líderes beduínos poñíanse a discutir, no canto de gobernar, e acababan deixando a cidade para volver ao deserto, tal e como querían os seus patrocinadores, as potencias europeas, que axiña se fan cargo.

Na realidade foi tal cal. Reino Unido e Francia prometeran apoiar ao príncipe Faisal (Alec Guinnes, na película) como rei de toda aquela enorme rexión do imperio Otomán, pero repartírona: Siria e Líbano para os franceses e Palestina e Mesopotamia (logo chamado Irak) para os británicos. Como os iraquís non estaban contentos co rei que lles puxeran, tiveron unha nova rebelión independentista, que os británicos contestaron cunha vella represión colonialista, incluídos bombardeos con armas químicas como o gas mostaza. En Irán, en 1953, o primeiro ministro Mohammad Mosaddeq, tivo a mala idea de nacionalizar os recursos petrolíferos, polo que foi derrocado nun golpe de estado orquestrado por británicos e estadounidenses (Operación Ajax). Ou sexa, o das armas químicas e o das intervencións xa vén de vello.

Como contan quen realmente sabe -xornalistas a pé de obra como Olga Rodríguez e Mónica García Prieto, por exemplo- o que agora pasa en Siria é como desde hai un par de anos todo se remexeu aínda máis nesa zona, todos os que teñen algo que pitar no asunto están movendo ficha (en palabras dese gran xeoestratega que tanto tería que dicir nestes momentos, José María Aznar). Todos –Rusia, Arabia Saudita, Irán, Estados Unidos- están encirrando aos seus patrocinados, seguindo o vello principio de actuación de que todos van ao seu, menos eu que vou ao meu. Se queren ver un film ilustrativo sobre estes casos, aconsellaríalles Siryana (aquela na que saía George Clooney todo gordo).

Todos queren ganar posicións, pero non ganar de todo, porque esta é a típica situación na que perder é malo, pero ganar non é bo. Está moi mal que haxa unha ditadura que teña a xente nun puño, pero a alternativa é un país dividido entre bandos enfrontados entre fanáticos e sectarios a secas. E está fatal que gaseen á xente, pero despois das últimas experiencias, a ver quen se fía das probas de quen foi o gaseador. E claro que hai que facer algo para parar as matanzas, pero non parece que mandar uns mísiles, por moito que atinen no obxectivo (que está por ver que atinen) vaia axudar a outra cousa que a que se vaian matando máis artesanalmente. Ata Javier Solana, que destas cousas de parar matanzas a bombardeos sabe bastante, considera que “no está claro que las acciones que se barajan no vayan a convertir un problema ya de por sí largo y dramático en otro aún más complicado”.

O malo nestes casos é que non hai bos a quen apoiar. Xa nos desfixemos deles hai tempo.

(La Opinión 31/08/2013)

Advertisements