Etiquetas

, , , , , , , , , ,

Témome que vamos ter unha experiencia nova, Vds. e eu, ou máis ben vostedes comigo. E como tal experiencia inédita, probablemente eu vaia ser torpe, máis que nada porque é a miña primeira vez, que recorde, así que se non están seguros de que lles vai prestar moito, digan que prefiren que non e pasen páxina. A cousa é que me temo que lles vou asestar unha crónica social. Non é que teña moita experiencia en actos sociais, teño pouca porque escapo deles, pero algunha teño porque non sei dicir que non.

Etiquetas DB

Ou sexa que me podía considerar empatado, nin moito nin pouco, nese ámbito do coñecemento humano cando asistín á presentación dunhas etiquetas de Antón Patiño para un viño da Ribeira Sacra este xoves nun restaurante de Monforte.

     Fun porque lle debía varias inauguracións aos Patiño. Ultimamente, Antón e Menchu Lamas non fan máis que inaugurar, e menos mal que o fillo, Lois Patiño, presenta as películas por aí adiante, senón sería un sinvivir. A primeira sorpresa ao entrar ao local, tras do alcalde de Monforte, foi atopar na barra a Alfredo Conde. “Veño falar un pouco, son amigo de Odalys”, desveloume. Por suposto, quen era Odalys -e como se escribía- sóubeno máis tarde. Muller  fuertota e alegre con aspecto de ser do país, Odalys Sánchez de Saravo é unha empresaria da arte venezolana con galerías en Caracas e Miami, e agora en Madrid, que presentou o acto, e parecía ser a argallanta de todo, e logo resultou que non de todo. Había un home cunha desas cabezas románicas que aínda se ven na xente que vive no campo, e cunha habilidade de regueifeiro para mudarlle as letras as cancións de sempre e de hoxe para convertelas en sátiras políticas e sociais que resultou chamarse Suso, ser da parroquia de Cereixa (e tío do antropólogo e escritor Xurxo Ayán), que se dirixiu a un para que o sacara dunha dúbida vitivinícola: “Primo, cal é mellor viño, o da etiqueta clara ou a da escura?” O interrogado, José Luis Lagoa, o home de aspecto más feliz da reunión –“vivo entre Caracas, Panamá e Miami. Fisicamente. A cabeza téñoa en Cereixa”- é economista e non se dedica ao viño –así e todo, é mellor o da etiqueta escura-, pero el e a muller, Graciela Borges, foron os outros organizadores do asunto.

Foron os que deberon traer a Monforte a Salvador Alcalde, que é un señor co que pasei unha chea de tempo falando, sen estar de acordo en case nada, pero disfrutando moitísimo da conversa. Contoume que é o padriño do meu colega Fernando Varela Bibián, e logo dixéronme que é un dos maiores coleccionistas de arte de Galicia, receptor de boa parte do legado en papel de Laxeiro, e con obra importante doutros pintores que pasaron pola emigración, como Seoane ou Colmeiro, por quedarnos nos galegos. Mentres, o escultor Francisco Leiro e Lagoa intercambiaban contos de Nova York, o primeiro dos mariñeiros que chegaban á rúa 14 e vían nela un mundo de veciños que os convencían para que quedaran, e o segundo de cando o operou o doutor José María Castellanos Jr. No Hospital Mount Sinai. Ao saír achégouseme o maître: “Ti es do Incio, verdade? Meu pai e teu tío eran compañeiros de andanzas nas motos”. Eramos dúas ducias de persoas e estaba en nós o mundo todo.

 (La Opinión de A Coruña, 7 de setembro de 2013 Faro de Vigo, 11 de setembro de 2013)

Advertisements