Etiquetas

, , , , , , , ,

Deixemos así, como está, ardido de todo, o Monte Pindo. Impidamos que medre nada. Queimémolo ritualmente se fai falta todos os anos. No lugar ao que Otero Pedrayo chamou o Olimpo Celta (non sabía que fora el, pero estes días sentín dicir que foi Otero Pedrayo o autor do asunto, para que logo digan que as catástrofes non sirven para nada), situemos Mordor, a terra negra onde goberna Sauron sobre os orcos no mundo que describiu n’O señor dos Aneis. As imaxes do Pindo ardendo lembran aquelas da película nas que saía a mina na que “fabricaban” os orcos, coa diferencia de que no caso do Pindo e dos nosos montes en xeral, son os orcos os que prenden lume e non os que saen del.

 

O Monte Pindo debería quedar así, negro coma un tizón, como símbolo perenne da maldade e da ineficacia humanas. E ata sería un bo reclamo turístico, que a xente mátase por todo o que saia na televisión, aínda que sexan monumentos á estupidez.

Tolkien tiña no seu poder, anos antes de escribir O hobbit, o Diccionario gallego-castellano de Marcial Valladares, editado en 1884, e hai que di que puido ter sacado o nome que lle deu ao malos da súa triloxía do Urco, o feroz can do mar, con cornos e orellas longas, da mitoloxía galega. Non debe ser certo, porque o dicionario de Valladares non recolle esa voz, e porque orco –no orixinal, orc-, e tamén con toda seguridade urco, vén do orcus das mitoloxías etrusca e romana, onde eran demos e monstros do inferno e do inframundo. Todo cadra (e lémbrenme que faga un sacrificio pequeno na honra da wikipedia).

Eu considero que quen queima o monte é un delincuente, que busca un interese persoal –urbanístico, de aproveitamento forestal, o que sexa- e non un criminal patolóxico. Os pirómanos de atar poden poñer lume en calquera sitio, pero non se toman o traballo de percorrer un monte prendendo varios focos. Quitado certas motivacións altruístas que non veñen ao caso, e outras de vinganza, que moitas me parecen para xustificar o asunto que tratamos, as cousas pasan porque a alguén lle aproveita que pasen, e porque aos demais tanto lles ten que pasen ou non. Dicir, como di o presidente Feijoo, que hai incendios forestais porque hai quen lle prende lume aos montes é como asegurar que hai divorcios porque hai xente que casa. É falar e non dicir nada ao mesmo tempo. Feijoo non sempre foi tan comprensivo coa difícil xestión da política antiincendios: “Canto do queimado se debe aos pirómanos e canto a imprevisión, indolencia e irresponsabilidade do goberno?” preguntaba, indignado en 2006, cando o goberno non era el.

Daquela non se sabe. Si que os responsables estaban día e noite a pé de obra. Agora, tampouco se sabe, pero si que o este ano retiveron ata agosto a autorización para xestionar as axudas para a limpeza forestal. E que este verán, nin os responsables -nin a maioría da oposición- apareceron por ningures mentres Galicia ardía. Este ano, a culpa debeu ser so dos incendiarios. Por certo, o orcus dos romanos era tamén o demo do inframundo encargado de castigar os xuramentos incumpridos.

 (La Opinión de A Coruña 21/09/2013)

Advertisements