Etiquetas

, , , , , , , , ,

O uso de WhatsApp, o servizo de mensaxería gratuíta entre móbiles, ou a rede social Facebook ten causado a ruptura de 28 millóns de parellas, segundo lemos nos medios que asegura unha investigación da CyberPsychology and behaviour Journal (Revista de Ciberpsicoloxía e conducta).

whapp

 Na mensaxería e na rede social, as parellas (ben, cada integrante por solto) experimentan unha ansiedade ao saber que o outro xa recibiu o recado e non contesta. É o que chaman “síndrome do double check”, polos dous riscos que aparecen a carón da mensaxe cando o móbil do destinatario a recibe.Ao comezo das relacións, calquera frase lambida queda aí na pantalla para deleite do namorado/a cantas veces queira. Logo convértese no “que fai que non contesta” e “por que me dixo que ía para a cama se o móbil me indica que estivo conectado ata as tantas”.

Non discuto que non sexa certo (debería telo feito: é falso), pero non sei como a Revista de Ciberpsicoloxía e Conducta, que editan nunha cátedra dunha universidade checa, conta as ciberdesavenencias. E como llelas adxudican a WhatsApp e Facebook, descontando por exemplo as de outros servizos de mensaxería, como Line, ou o sms pelado de toda a vida; e por que desprezan a influencia de Twitter, a rede social emerxente. O estudio tampouco revela cantas parellas se teñen formado grazas precisamente a WhatsApp e Facebook, ou ao resto das novas tecnoloxías. Nin a de chascos que evita. Por exemplo, En España, máis da metade dos solteiros (e suponse que das solteiras) busca información en internet da outra persoa antes da súa primeira cita, e o 89% usa as novas tecnoloxías para volver quedar. A metade dos solteiros/as europeos tiveron unha cita con alguén que coñeceron na pantalla dun ordenador. Claro que quen o fixo o estudo foi o portal Meetic, que se dedica precisamente a poñer en contacto a solteiros con solteiras (ou persoas que din selo), e nese público obxectivo non é raro que haxa tanto devoto da tecla como método de ligue. Hai diferenzas por idade –a maior idade, maior preferencia pola chamada de toda a vida- e por xénero –as mulleres son máis de sms e os homes, de telefonazo-.

De todas formas, quizais nas rupturas teñan influencia outros factores. Por exemplo, segundo unha enquisa que fixo Redshift Research os españois perderon nos últimos 12 meses máis de 120 horas (5 días enteiros) mirando para os seus ordenadores mentres se cargaban aplicacións e programas, o que constitúe unha das sete experiencias máis estresantes para os usuarios de informática: faille perder horas de sono ao 37%, e o 17% chega a agredir fisicamente ao aparato. (Nese momento debe ser cando te chama/whatsappea o ser querido). Claro que para outro informe (OTX Socialogue, de IPSOS) o 76% dos españois prefire dicir algo delicado cara a cara antes que usar un método menos directo, unha porcentaxe só inferior ao de Noruega e Suecia, mentres en China ou Corea o 80%-90% se refuxia no mail ou no sms. O que non me cadra, se todos eses estudos son certos, é por que onde hai máis porcentaxe de divorcios, en Europa e países nórdicos, é onde se din as cousas en directo, e onde a xente sigue xunta é onde prefiren mandarse recados. A franqueza é unha virtude sobrevalorada.

(La Opinión de A Coruña, 12 de outubro de 2013)

Advertisements