Etiquetas

, , , , ,

A estas horas, ou polo menos hoxe, porque debe haber unhas catro horas de adianto, xulgan en Mursmank, a 30 activistas de Greenpeace detidos a bordo do Artic Sunrise a mediados de setembro polos gardacostas rusos cando trataban de interferir nos traballos dunha plataforma petrolífera no mar de Pechora, no Ártico, propiedade de Gazprom. Seguro que a empresa lles soa, e non porque teñan repostado gasolina nunha estación de servicio desa marca.

Artic Sunrise

Os activistas, de 16 nacionalidades distintas, foron acusados en principio de piratería, un delito castigado ata con 15 anos de cárcere, pero logo mesmo Vladimir Putin o descartou, aínda recalcando que o sistema xudicial é independente, así que a fiscalía decidiu onte de forma independente acusalos de vandalismo, que se amaña con penas que van dunha multa a sete anos (se rompes os cristais dunha ventá cunha oxiva nuclear, supoño).

Greenpeace leva tempo opoñéndose ás extraccións de cru da plataforma Prirazlomnaya  argumentando que son unha ameaza máis que potencial para o delicado ecosistema ártico, sobre todo tendo en conta que os plans de emerxencia no caso de que se produzan verquidos  xa non están en vixencia. A última acción foi dirixir á zona ao Artic Sunrise, un barco rompexeos que se achegou á plataforma, tentado que tres activistas se subiran a ela. Os que se subiron, ou máis exactamente, baixaron desde helicópteros á cuberta do Artic Sunrise, foron os gardacostas rusos, con armas de fogo e coitelos, que detiveron a todos os tripulantes e levaron o buue a Mursmank.

Gazprom ou as autoridades rusas, se é que hai diferencia (se non a hai aquí, imaxinen alí) sinalou que “as actividades de Greenpeace non só atentan contra a soberanía do Estado, senón que tamén poderían poñer en perigo os ecosistemas de toda a rexión”. Ah?, e por que? Porque como dixera previamente un portavoz da FSB (a axencia de seguridade sucesora da KGB) dixo que se decidira asaltar o barco por sospeitar de que os activistas que ían cara a plataforma levaban un artefacto explosivo. As axencias de seguridade, xa se sabe, non hai quen as engane.

Ou sexa que, desta vez, como en moitas outras, máis que confiar na xustiza, haberá que confiar en que Putin non queira quedar excesivamente mal cos clientes de Gazprom.

 (Este blog súmase á campaña de Greenpeace para pedir a liberación dos 30 activistas do ‘Artic Sunrise’)

 

Advertisements