Etiquetas

, , , , , , , , ,

Don Emilio Botín dixo que España está nun momento fantástico, e que chegan cartos a sacos de todas partes. Hai quen o toma a mal, recordando que en España hai seis millóns de parados (cinco millóns e medio, descontando ese medio millón que Soraya Saénz de Santamaría e so Soraya Sáenz de Santamaría sabe que defraudan, eles e as empresas que os contratan, claro), tres millóns de persoas viven con menos de 300 €/mes e doce millóns por debaixo do nivel da pobreza. O que pasa é o propietario do Banco Santander vive nun planeta propio, no que tamén hai tres dimensións e está sometido a lei da gravidade e a algunha outra que tamén rexe aquí, pero polo demais é un mundo semellante, pero soamente tanxente. Un mundo no que a xente pode presentarse con pantalón corto e de vermello dos pes á cabeza diante das autoridades do seu país, como el se presentou. Que sencillote, non?.

Tamén lle debe parecer un momento fantástico a Toni. Toni é tan humilde que se chama José Antonio Rodríguez Rodríguez, e tamén vive nun planeta propio, pero moito máis próximo e moitísimo máis habitado. Nel hai familias, como a súa, no barrio vigués de Peniche (non todas as familias están en Peniche, a súa si) nas que a nai non se pode valer porque padece unha fibromialxia e o seu irmán unha minusvalía psíquica do 41%. Toni era un cabeza de familia á forza de 22 anos que non tiña traballo e agora ten tres ofertas e uns miles de euros, ou sexa que quizais estea máis contento, proporcionalmente, que Botín. As ofertas de traballo e os miles de euros non lle chegaron a Toni neses sacos que o banqueiro din que están arribando a España. Chegáronlle dos espectadores do programa Entre todos de TVE aos que conmoveu co seu caso, pouco a pouco, euro a euro, en ocasións mesmo de xente que tamén estaba no paro (que é a xente que ve estes programas).

Entre todos é un desfile de dramas (non me gustaría estar no lugar de quen os selecciona) relatados desde un infinito catálogo de sofás que tiveron tempos mellores. Escoitando os casos de familias que piden para comida, roupa e material escolar para os seus fillos, ou para encher a neveira, dan ganas de levar a Soraya Saenz de Santamaría a que lles vaia explicar, sentada no sofá rebentado, o do fraude do paro. Ou a Ana Mato á casa dos que xuntan cartos para unha prótese ou unha cama articulada. Tamén hai unha sección que se chama “Emprendedores”. Xente, polo xeral dunha idade na que xa nin finxen ter a esperanza dun posto de traballo, que conta o seu soño de pequeno empresario. Xente que quere abrir unha papelería, unha mercería, que ten a licenza de taxi pero non cartos para o taxi, que quere poñerse de costureira para traxes de flamenca…

Xa sei que saír en televisión axuda moito, pero algúns deses sacos de cartos que choven sobre España deberían servir para axudar a abrir negocios. E quen se ocupase de remediar as desgracias debería non un programa de televisión, senón o Estado. Ese si que é o auténtico “entre todos”.

 (La Opinión de A Coruña 19 de outubro de 2013)

Advertisements