Etiquetas

, , , , , , , ,

Escribo isto despois de que centos de milleiros de persoas se manifestasen contra a enésima reforma da lei de ensinanza en España, e antes de que outros miles (supoño) se manifesten contra a decisión do Tribunal de Estrasburgo de anular a chamada doutrina Parot por ir contra os dereitos humanos. Dúas cousas que a min paréceme que teñen máis relación que a temporal. As sucesivas leis educativas en España son o proceso de acción e reacción no desesperado intento de superar o atraso intelectual de séculos. A II República foi un enorme salto adiante. O golpe militar do 36, coa aniquilación física ou profesional de milleiros de mestres e profesores universitarios, a volta a caer no pozo por décadas, con secuelas que aínda seguimos sufrindo. Por exemplo, na maneira de entender a educación, a política ou o periodismo.

         Alistámonos baixo unha bandeira ParotSi/ParotNo como quen vai polo Madrid ou polo Barça nin sendo de Madrid nin de Barcelona (pero con menos elementos de xuízo para escoller). Lendo a quen sabe, como o ex periodista de Tribunais de El País José Yoldi, podemos coñecer a orixe do que el cualifica como a vulneración da Constitución (artigo 9.3) para aumentar ilegalmente as penas dun cento de presos aplicándolles unha norma que non había cando os condenaron. A cousa veu non por un debate xurídico, senón pola opinión pública. Os etarras, por terribles que fosen os seus crimes, saían de prisión en canto remataban a condena ou a redimían, segundo o código de 1973, ou sexa do franquismo. Pasara con Aznar, posiblemente o presidente español, con Adolfo Suárez, que máis negociou con ETA, e pasaba en 2006, sen demasiada alarma.

Ata que Iñaki de Juana Chaos, desobedecendo a ETA, que ordenaba non acollerse a redención de penas, recorreu contra a Audiencia algunhas redencións que lle anulara, e montou unha folga de fame que tivo repercusión internacional. Cando saíu, quen fixo presión contra o goberno do PSOE foron as asociacións de vítimas e a prensa de dereitas. Así que cando Henri Parot, que tiña unha condena de máis de 4.000 anos, presentou un recurso similar, os xuíces comezaron a buscar o que Yoldi chama solucións “creativas”. O maxistrado Bermúdez ditoulle dúas condenas por pertenza a banda armada –unha barbaridade, porque pertences ou non, non dúas veces-. Anuláronlla, pero sacaron da manga o contabilizar a redención sobre o total da pena, non sobre a maior, como se viña facendo. Segundo Yoldi, daba a impresión de que os xuíces do Supremo ben sabían que a “doutrina Parot” llela ían tumbar en Estrasburgo, pero mentres mantiñan no cárcere a eses presos e calmaban á opinión pública, que era do que se trataba.

José Yoldi fai ademais unhas precisións: os liberados pola anulación da doutrina Parot levan como mínimo 20 anos en prisión. A tal doutrina non se lle 2013-10-22 00.28.46aplica a todos os terroristas, violadores, etc, senón a aqueles condenados antes de 1995. Os condenados posteriormente non teñen redención de penas e subíronas a 40 anos. Eu quito outras conclusións: José Yoldi non ten periódico onde escribir e explicar as cousas como son. Un descerebrado chamado Cárdenas que dixo que “todos los que tenemos un programa de televisión o radio tenemos la obligación de denunciar que los jueces de Estrasburgo son unos hijos de puta”, traballa nunha emisora. Que unha sociedade estea mellor ou peor formada non depende so das leis educativas.

(La Opinión de A Coruña 26/10/2013)

Advertisements