Etiquetas

, , , ,

Cando o mundo estaba ao dereito, o ministro máis popular, o mellor valorado, era o de Interior. Quizais porque desgraciadamente aparecía sempre con cara de dolor e circunstancias en enterros, esa actividade social tan apreciada polo electorado, ou porque era visto por unha persoa firme e segura, outra característica que a masa votante demanda e agradece. O que aparecía no furgón de cola, como o inocente das vilas nas procesións, era o de Agricultura e Pesca, como alegoría real do pouco que pinta a agricultura e a pesca na política española e no imaxinario simbólico hispánico. Era un señor cun vago aire de enxeñeiro agrónomo. Incluso en ocasións tiña bigote, o que nas fotos de familia cos seus colegas europeos lle daba un aspecto decididamente turco. Imaxinen se cambiou o conto que agora, o ministro de Rajoy máis valorado é precisamente Arias Cañete, o de Agricultura e Pesca, Mesa e Mantel.

     Claro que don Miguel Arias Cañete, con ser o máis apreciado, non pasa do 3,05, e so o valora un de cada dous cidadáns. É que o seu xefe, Mariano Rajoy, cun 2,42, é o presidente peor valorado do que levamos de democracia. Saca practicamente a metade de nota que Aznar ou Felipe nos seus peores tempos. Antes a xente tiña máis paciencia. Pero o burro da clase non podía ser outro que o ministro de Cultura e Educación, José Ignacio Wert. Wert é o ministro peor valorado da historia da democracia en España. Un 1,46. Unha nota que na vida escolar real non saca case ninguén, porque malo será que non lle poñan aínda que sexa un 5 ou un 4 en Educación Física ou en Debuxo para subir a media.

As razóns deste suspenso –que digo suspenso! Suspenso parece como que está a medio caer, suspendido no aire. Isto non é un suspenso, isto é un descenso- poden ser varias, pero a min paréceme que, igual que os cinco continentes, son catro e resúmense en tres: ataca o que debería defender e non mantén o que di ter claro. Por exemplo, todos –profesorado, pais, autoridades educativas, mesmo algúns alumnos- están preocupados pola falta de chamémoslle autoridade ou chamémoslle respecto aos profesores nas aulas. Incluso pretenderon darlles atribucións de gardas da porra. Pois vai o señor ministro e acúsaos de protestar non por estar en desacordo coa súa lei, senón de querer cobrar máis e traballar menos (como se iso fose malo e non o quixésemos todos). Tamén hai que formarse e saber idiomas (sobre todo porque aquí traballos para estudios superiores moitos non vai haber), e vai e quítalle a axuda (uns 150 € de media) aos Erasmus a metade de curso, porque total, a maioría van polo mundo adiante a andar de botellón. Claro, se o que se ocupa da educación denigra aos profesores e os alumnos, como non escoller ao dos bichos e as leitugas. Quizais sexa porque non fai nada, e o sondeado medio, traballador ou parado da industria ou dos servizos, habitante de vilas ou cidades, pensa que non ordena recorte ningún. Ben non fará, pero mal tampouco.

 (La Opinión de A Coruña 9/11/2013)

 

Advertisements