Etiquetas

, , , ,

O Congreso aprobou, cos votos máis que suficientes do PP e nin siquera o apoio da súa franquía navarra, UPN, a LOMCE ou DOCE, a enésima lei de educación da democracia, que nesta ocasión constitúe tamén o enésimo ataque da reacción deste país (e non estou incluíndo a UCD) contra a educación pública. Que eu recorde, as distintas encarnacións políticas da dereita conservadora votaron sistematicamente contra a democratización dos centros docentes e o recoñecemento das APAS (LOECE, 1980), a LODE de 1985 (a pesar de que creaba a figura do colexio concertado, tamén “impoñía” uns requisitos para selo), a LOGSE de 1990, por suposto (introducía a escolaridade obrigatoria ata os 16 anos e o descenso de 40 a 25 alumnos por clase) e despois contra a LOPEG (1995) que tentaba acabar co apartheid nos colexios concertados. O que agora se aprobou é unha reedición doutra Lei de “Calidad” da Educación (LOCE) que o goberno Aznar tiña preparada con reválida, relixión puntuable e todo aquilo que nos fixo felices de nenos.

       A escusa para esta nova enxurrada pola “calidade” é que a educación carece dela. Como se di agora, estoesasí. Os famosos informes Pisa, que miden a tal calidade, aseguran que a botella educativa está medio baleira, segundo os que se laian dos seus resultados, pero pola mesma regra de tres tamén certifican que está medio chea. E sobre o que non hai lugar a interpretacións é que non obteñen mellores resultados, precisamente, os centros privados que os públicos, e que o sistema educativo español é o segundo máis equitativo dos analizados, detrás do admirado modelo finlandés. Ao mellor con tanta exaltación da calidade o que se busca é  ter moita excelencia académica en algures, sen importar que as consecuencias sexan ter unha chea de bandas xuvenís polas rúas, tipo Detroit, que queda moi cool. A todo isto, non sei que pinta a materia de relixión no da mellora da calidade.

No referente a formación, comprensión lectora, etc, habería que examinar outros parámetros, a maiores do sistema educativo. Porque os nenos españois entre 4 e 12 anos pasan practicamente o mesmo tempo as mesmas horas ao ano na escola (960) que diante do televisor. E 750.000 ven la televisión logo das 10 da noite e 20.000 despois da medianoite, cando a programación non é que sexa moi apropiada para eles. Nin antes tampouco, xa que estamos. De feito, de todo ese tempo, soamente a cuarta parte o que están vendo son programas infantís. Iso segundo un informe do CIS do ano… 2000. Imaxinen as porcentaxes (e os programas!) agora. Sobre todo porque dous de cada tres pais recoñecen que non controlan o que ven os seus fillos. Do 30% que din controlalos “a veces”, un de cada catro non o fai máis porque é “unha intromisión á súa liberdade”. O 28%  que non os controla “nunca” ou “case nunca”, un de cada tres consideran que facelo atentaría contra a liberdade do pequeno. En consecuencia, case un de cada tres nenos menores de 12 anos tiñan, xa en 2000, televisor na súa habitación.

Se de verdade queren mellorar a educación dos rapaces, Wert ou calquera outro tolai, deberían regular esa outra escola. Pero aí non hai negocio, nin valor para facelo.

La Opinión de A Coruña 30/11/2013

Advertisements