Etiquetas

, , ,

Como de economía ando xusto –en coñecementos, no outro non é cuestión que airee aquí as miñas cousas- non sei se a famosa luz ao final do túnel que di Rajoy é a do día ou a dunha locomotora que vén de fronte. Polo que vexo ao meu redor, non enxergo tal luz, anque admito que pode ser que eu estea mal colocado e me falte a perspectiva axeitada. E se invoco estatísticas e informes, como o da OCDE que asegura que a crise e os recortes en sanidade poderían ter efectos para a saúde a longo prazo e consecuencias para os máis vulnerables, de seguro que Montoro ou De Guindos teñen outros, propios ou que lles pasa Botín. O que me estraña é que non haxa xente de orde que pense e diga: voteinos a vostedes para que amañasen a economía, non para que volvesen ás leis de orde pública do franquismo.

Cando Rajoy colleu as rendas do Goberno, a seguridade cidadá non era problema e o código penal xa era dos máis duros de Europa. Dous anos despois, parece que os texanos de El Álamo teñen que fabricar leis que impiden concentrarse a máis de media ducia de mexicanos. Como todos e cada un dos case de 500 manifestantes detidos en concentracións foron absoltos polos xuíces, decretan a prohibición de concentrarse diante das institucións, para que as protestas se fagan perante os polígonos industriais ou nos descampados. E se axudas a convocar unha manifestación que logo rebentan uns coa cabeza quente de máis, ou uns infiltrados (“¡que soy compañero, coño!”), as multas poden chegar a ser case o soldo anual dun banqueiro. Como dixo López de Uralde, o líder de Equo, aquí estará máis castigada penalmente unha mensaxe nas redes sociais que encher de petróleo miles de kilómetros de costa. E como a actuación das forzas de seguridade do estado é perfectamente correcta en todo momento, por iso se prohibe que se fotografen ou se graven as súas intervencións. Para non atentar contra a súa modestia.

E a solución as problemas da sanidade ou a educación non é poñelas patas para arriba, denigrar aos seus traballadores e entregalas en concesión a empresas privadas. En Galicia e en Valencia xa se fixo o experimento das fundacións privadas, que acabou tendo que meter presadas de cartos nelas e na sanidade pública a traballadores que non pasaran unha oposición. O da mellora que supón a privatización xa a vimos no sector da telefonía, o combustible ou a enerxía, que podemos elixir entre calquera dos servicios peores e máis caros de Europa. Pero sobre todo, o que me pasma do goberno do PP é a economía. Amañar a macro a base de pedir miles de millóns de euros que logo teremos que pagar os da microeconomía parece lóxico nesa ideoloxía, pero non o é tanto que iso non sirva para que circule diñeiro para a medioeconomía. Que en lugar de sentar dunha vez unha regras de xogo para todos, e racionalizar cousas como a fiscalidade ou a contratación, as normas que se diten sexa para atraer puticasinos ou librar de impostos a compañías mexicanas. Estéanme ao que hai que estar. Para unha cousa que dicían que sabían facer…

 La Opinión de A Coruña 23/11/2013)

 

 

 

 

 

Advertisements