Etiquetas

, , , , , , , ,

Se non teñen cousa mellor que facer, deberían ler a sentencia do caso Prestige. Hai unha parte interesante: a que conta como pasaron as cousas, ou a conclusión que sacou o tribunal de como pasaron. E outra máis interesante aínda, pero moito máis árida: a argumentación xurídica para concluír que ninguén ten a culpa ou, como argumentou Ana Botella no seu día –haille que dar á muller do entón César o que é da muller do entón César-, que a culpa foi do barco.

Os que teñen formación xurídica, mesmo un cabaleiro que interveu en Hora 25 ao que lle estou moi recoñecido porque tivo a deferencia de citarme, pero do que soamente sei que se apelidaba Queralt, aseguran que ao famoso fallo –en todos os aspectos- da Audiencia da Coruña poucos reproches técnicos hai que lle facer. Eu nas técnicas e usos xudiciais non acredito moito. Non entendo que o mesmo ministerio público que pide sete anos e pico de cárcere para unha pianista denunciada por unha veciña que asegura terse posto tola de tanto escoitarlle practicar escalas, logo non formalice acusación ningunha contra Cristina de Borbón porque considera “rumoroloxía” todos os cargos, poderes e sinaturas que ela tiña no entramado societario Noos.

Podo entender que a Audiencia de Coruña recibiu unha pataca quente do xulgado de Corcubión, e aínda así sentou no banco dos acusados a un cargo público –o exdirector xeral da Mariña Mercante, que a propia sentencia considera que era un mandado- que non viña no sumario. E podo entender que unha sentencia, contra o que agardaban uns con esperanza e outros con medo, non teña por que xulgar unha xestión política. Quen ten que xulgar a quen mentiu por activa e por pasiva, a quen non asomou o fociño ata oito días despois, e no interín andaba de caza, é a sociedade, non os tribunais. O que pasa é que chegamos a tal grao de impunidade, que uns soamente pensan que a forma de esixir responsabilidade é diante dos tribunais, e outros consideran que se non hai delito, a conduta seguida foi irreprochable.

En resumo, eu non me atrevo a corrixir a un tribunal que estivo oito meses escoitando ditames e opinións de parte interesada, e manexando máis folios que os señores Henri e Galgo xuntos. Non digo que houbese mala intención na xestión do sinistro por parte ninguén, de armadores a autoridades. Por poñer un exemplo, que os propietarios ordenen retrasar o remolque para negociar que saia máis barato, obedece á virtude do aforro. E se as autoridades presuntamente fixeron a vista gorda, están mostrando comprensión. Pero o resultado dese conxunto de boas intencións foi unha catástrofe. E encher de merda o mar e 1.600 kilómetros de costa cos seus habitantes e traballadores respectivos (as demais cifras do Prestige sigan poñéndoas vostedes, eu xa estou canso) terá que ser delito, falta ou libre indirecto, porque se non, como din con toda razón os ecoloxistas, estamos dando carta branca a todo canto pirata hai para que leve o que lle pete nas condicións que lle preste por diante dos nosos fociños. E sobre todo, estamos demostrando que somos un estado fallido. Xa virán as responsabilidas civís, din algúns. Isto vai ser como o caso de O.J. Simpson, que foi absolto de ter matado á muller e ao amante, pero condenado a indemnizar aos familiares.

 (La Opinión de A Coruña 16/11/2013) 

Advertisements