Etiquetas

, ,

Linlle unha vez hai bastante tempo ao escritor Xabier Docampo unha declaración en facebook que lamento non ter apuntado, para a súa desgraza (non a de Docampo senón a de vostedes, que perden a oportunidade de ler nesta columna unhas liñas de boa prosa). A declaración viña sendo no fondo, e con perdón da forma: abstéñanseme, por favor, de pedirme amizade empresas e sociedades, e tampouco me inviten a participar en xogos e socaliñas, que eu estou aquí para ter trato coa xente. Eu sempre quixen facer o mesmo, e vou tentar razoar aquí porque fago o mesmo ca el.

Non cuestiono o dereito das grandes empresas, nin moito menos das pequenas, a utilizar as redes sociais como método de promoción, por moito que, desde un punto de vista gremial, vexa con moitos mellores ollos que sigan apostando por anunciarse nos medios de comunicación. Agora, de aí a pedirme que colabore abríndolles a porta da miña casa virtual, señores, vai un mundo. Tamén sei que posiblemente que detrás de Cristalería Gallega S.L hai, ademais dun excelente profesional capaz de repoñer os vidros dunha galería de madeira ou facer uns estantes á medida, un espírito sensible que pode prescribir os libros máis merecentes de atención e as películas que paga a pena ver. Tampouco poño en dúbida que baixo o nome de Mercería Conchita, a maiores de todo tipo de fíos e eses botóns das camisas que non hai nunca en ningún sitio, hai un agudo analista da sociedade actual, dos problemas que a afectan e de por onde habería que buscar as solucións. Pero esa xente, por favor, que se presente –polo menos a min- co seu nome. Por esa mesma razón, hai tempo que deixei de admitir –quitado xente contrastada e recomendada- pseudónimos e nomes esferolíticos. Se facebook se chama como se chama, caralibro, é por algo. E xa que falamos de recomendacións, se alguén ten interese en ter contacto con alguén, que o pida el propio, e non mediante intermediarios, como nas novelas de Jane Austen.

Claro que o feito de que non se precisen intermediarios e que sexa posible interpelar a todo o mundo non inclúe o dereito a agardar que o interpelado teña que contestar. Ou porque xa está farto de pronunciarse sobre iso, ou porque non lle convén facelo, ou porque que pidan a opinión sobre un tema non é condición suficiente para que se saiba dese tema. E moito menos é esixible unha contestación inmediata. Porque o interpelado a pronunciarse sobre calquera tema sen dúbida esencial –sobre todo desde o punto de visto do interpelador- nese momento está facendo algo tan frívolo como cear, durmir un neno, conducir ou –o colmo- traballar. E porque hai xente –eu mesmo, pero a que na miña casa e fóra dela pensen o contrario- que non está todo o día pegado a unha conexión a internet.

Claro que estas regras do trato 2.0 non teñen moita razón de ser. Se despois de milenios de trato presencial, nin a hixiene corporal nin as normas de educación se deron consolidado, polo menos na parte da humanidade que coñecemos, e mesmo sofren claros retrocesos, é un tanto inxenuo pretender que impere a urbanidade nas recentes relacións virtuais.

La Opinión de A Coruña, 14/12/2013

 

Advertisements