Etiquetas

, ,

Antes as televisións (ben, a televisión que había) programaba por estas datas Que bello es vivir, Un gánster para un milagro e outros cantos á bondade do ser humano. Agora xa non fai falta. A realidade encárgase do buenismo, ou de poñer diante de nós as situacións dramáticas non para que fagamos algo, senón para que nos enterneza. Fíxense no da Virxe da Barca, que cousa tan medieval. Que se queime o santuario obxecto de peregrinación e devoción de milleiros de persoas, precisamente o día de Navidad. Preséntalo nun guión e dinche que busques algo menos tópico.

       Pois non. O que son tópicos, cúmprense todos. As altas autoridades doídas que se achegan e serias e circunspectas, apertando os dentes, xuran ou prometen amañar todo canto antes, custe o que custe e pese a quen pese. As beatas que dan grazas ao milagre de que o raio petou alí, e non na vila, onde puido causar unha chea de desgrazas (xa postos, puido ir dar contra o monumento de pedra, A ferida, que ergueron cando o Prestige¸ e así non desviaba cartos públicos necesarios para atender a necesidades de xente desgraciada). E a xente, apampada e impotente ante a desfeita, reaccionando como lle ensinaron a facelo desde hai milleiros de anos nestes casos: botando man do peto. E xa están habilitadas dúas contas bancarias para recoller as achegas que xente de todas partes, como cando a marea negra, quere facer chegar para paliar este outro desastre.

Pero, claro, as desgracias son as desgracias, e independentemente dos designios do ceo ou do Ceo de onde convén ou non que descarguen os raios, non está de máis prever as cousas. O Estado gastou hai uns meses medio millón de euros en rehabilitar o santuario, e o propietario, a Igrexa (o Arcebispado de Santiago ou o Estado Vaticano, non sei) non correspondeu anovando unha instalación eléctrica que debía estar daquela maneira nun dos sitios do mundo con máis salitre por centímetro cadrado. A maiores, sabemos que o templo tiña un seguro de 500.000 euros, claramente insuficiente para os buracos que vai haber que tapar, pero polo menos que se saiba que se conta con eses cartos para que esa oferta da Xunta de que se reconstruirá “custe o que custe”, pois custe menos a todos e haxa para cubrir outras necesidades.

Porque o de Muxía, como no seu día o do Códice Calixtino, trae de novo a colación o debate de quen son as cousas, e polo tanto, quen debe coidalas e correr cos gastos correspondentes. Na Catedral de Santiago entraban, e entran, cartos a sacos –e polo que se viu, tamén saían- sen control de ningún tipo, empezando polo fiscal. No santuario de Muxía, como en moitos outros centros de devoción popular, suponse que debe pasar tres cuartos do mesmo. Nos tempos que corren e tal como están correndo para a maioría, e mesmo tendo en conta o que din as autoridades políticas como as novas autoridades relixiosas, esas alegrías contables, e ese tratar as cousas do mundo como se non fosen deste mundo, están fóra de lugar. Conto de Navidad, si, pero non tanto.

 (La Opinión de A Coruña, 28/12/2013)

Advertisements