Etiquetas

, , , , , , , , , , ,

Ignoro os mecanismos polos que acometemos o comezo dos anos con algo máis de esperanza que da que tiñamos ao acabar o anterior, e pesar de que adoitamos despedir o ano vello bebendo e recibindo o novo con resaca. Debe ser, como dicía Samuel Johnson dos que se divorciaban e volvían casarm o triunfo da esperanza sobre a experiencia. Ou que nos adestraron así desde pequeniños. De todas formas, repasando a lista cousas que pasaron no 2013, vemos que non todo foi malo, en xeral foi peor. Por exemplo, o 1 de xaneiro morreron 60 persoas en Costa de Marfil celebrando a festividade (o ano Novo, non san Manuel), inaugurando a ringleira de atrocidades que se produciron desde entón, día si dia non, en calquera parte do mundo. E en febreiro dimitiu un Papa, por primeira vez na historia antes de que o fixesen dimitir por medios mais drásticos, aquel Ratzinger que rifaba tanto á xente, e puxeron a un arxentino, Francisco, que como foi, entre moitas cousas, porteiro de discoteca, sabe das debilidades humanas e de abrir a man de vez en cando.

    En marzo en Venezuela morre definitivamente Hugo Chávez despois de varios intentos, e Nicolás Maduro herda os chándals. En Corea do Norte anulan o armisticio con Corea do Sur que asinaran para rematar as hostilidades en 1953, co que lle declaran a guerra total aos protexidos dos ianquis, pero ninguén se entera. Onde non hai guerra declarada é en Siria, pero levan xa preto de 100.000 mortos. En abril, en Bangladesh morren 2.500 traballadores do téxtil ao derrubarse un edificio en precario onde se confeccionaban prendas para marcas europeas. E pola calada, os holandeses, fartos de terse que construír o país enchendo diques fan público un proxecto espacial, Mars One, que busca recrutar 50 persoas para envialas a establecerse –sen volta- no planeta Marte en 2022. En maio, como premio de consolación, condenaron en Guatemala a 80 anos por xenocidio ao vello ditador Efraín Rios Montt (certo é que tardaron  soamente dez días en anularlle a condena). O mes seguinte condenan a outro expresidente, o arxentino Carlos Menem, a sete anos polo delito de venda ilegal de armas a Croacia e Ecuador, pero tampouco entra no caldeiro por non sei que. Ese xuño empezan as revelacións do exanalista da CIA sobre a absolutamente impensable espionaxe norteamericana a tutti quanti, amigos, inimigos ou mediopensionistas.

O 30 de agosto, EEUU e Francia anuncian que atacarán Siria, pero ao final, sen Aznar como que non se atreveron. En setembro, en Bos Aires escollen sede dos Xogos Olímpicos para o ano 2020, e a oferta do relaxing cup of café con leche in the Plaza Mayor queda desestimada porque todos os que viaxan a Madrid comproban que alí tómanse cañas. En outubro, morren 399 inmigrantes que querían desembarcar na illa siciliana de Lampedusa nun barco ateigado. Oito días despois, outros50 afóganse na mesma rota. En novembro, o tifón tifón Haiyan ou Yolanda arrasa Filipinas e causa 3.000 mortos. En decembro, nun país recén estrado do paquete, Sudán do Sur, empezaron a tiros uns cos outros, sen que deixaron de pegalos onde xa os pegaban antes.

E aquí, non pasou nada, dirán vostedes? Si, o de Angrois e outras traxedias, pero en comparación co que pasa por aí, nada que non se poda tentar amañar votando.

 (La Opinión de A Coruña, 4/1/2014)

 

Advertisements