Etiquetas

, , , , , , ,

Non sempre as cousas de palacio van a modo. Cando se dan as circunstancias propicias, ata os trámites burocráticos van a fume de carozo. Miren o caso da lagoa da Frouxeira, que levaba anos pendente de proxectos e contraproxectos técnicos, cos correspondentes trámites burocráticos, para amañar que medio tapiaran a súa relación co mar, de forma que no verán estaba seca e no inverno subíalle aos veciños ás casas. Pois foi o mar estes días e dun golpe abriu a conexión que levaba tempo atoada nos despachos. Non obstante, no caso do santuario de Muxía, aínda non pasaron quince días escasos de que ardera, vacacións polo medio, e a Xunta xa aprobou ceibar os cartos para o proxecto de reconstrución. Non foron tan rápidos como co arcebispado, que se adiantou a proclamar que a Igrexa asumiría todo o custe da rehabilitación, e moitísimo menos que o presidente, que perante as pedras fumegantes dixo aquilo de que sería por cartos. Pero moito máis rápido que o informe pericial das causas do incendio, que digo eu que debería estar xa listo, ou dado á luz, para coñecer se tivo que ver no sinistro a instalación eléctrica que se aforrou renovar, e saber se a compañía de seguros vai pagar ou non.

Quen argumenta como unha compañía de seguros, curiosamente, é a Xunta, á hora de xustificar que vai pagar o proxecto do templo castigado polo lume, pero non o da Pedra de Abalar fendida pola auga. En declaración dun responsable de Patrimonio, o primeiro forma parte do patrimonio cultural, e a segunda non, “senón co inmaterial, as crenzas e as lendas”.

Pedra de Abalar

Home, sei perfectamente que hai moitísimos máis seguidores do cristianismo, mesmo desa forma peculiar do cristianismo que é a devoción por santos específicos, que seguidores que poidan quedar do ancestral culto ás pedras (pedrianos?), pero todas as crenzas merecen un respecto, mentres non se manque ninguén. E os das pedras estaban antes, xa que estamos, e moitas veces nos mesmos sitios. Na Barca, por exemplo. Se a xente peregrinaba seguindo a Vía Láctea ata Fisterra e Muxía, demostrar cientificamente, máis alá de “crenzas e lendas” de que comezaron a parar en Santiago porque se descubriu o corpo soterrado dun palestino morto a uns cinco mil kilómetros uns oitocentos anos antes é un pouco difícil. Máis ben o culto católico, como fixeron os romanos adaptando os deuses gregos, instalouse en lugares de culto previo. Se a xente xa ía alí, era máis doado poñer alí o santo que poñer o santo e que a xente fose alí. Como o de Mahoma e a montaña, vamos.

A diferenza, volvendo a Muxía, é que a Pedra de Abalar é de balde, non produce beneficio ningún. Corríxome, produce visitas, narracións, cantigas, vídeos… O que quería dicir é que, como o resto do culto ás pedras, as augas, ás árbores, non recadan cartos. O Santuario da Virxe da Barca, si, unha chea. Non sabemos cantos porque xa se sabe como son as contas eclesiais, máis que privadas, privadísimas, pero o día da romaría entran a moreas. A Pedra, sen embargo é pública.

Como pasa case sempre, este é un problema de organización e de grupos de presión. Non importan as crenzas, senón o número de votos dos crentes. Así lles foi e lles vai aos das pedras.

 (La Opinión de A Coruña 11/1/2014)   

Advertisements