Etiquetas

, , , ,

Ser ministro é máis duro do que parece. Vexan o caso do ministro Margallo, que é o de Exteriores, o noso comercial por eses mundos. O ministro Margallo (mM) acaba de pedir que non se emita o programa Entre todos pola canle internacional de TVE, porque prexudica a marca España. Por se non están moi ao tanto, Entre todos non é un concurso de empuxar coches entre varios, nin variante ningunha do fenómeno Entre costuras. É un deses chamados programas solidarios, que nos chama a remediar entre todos os problemas que non amaña quen os tiña que amañar cos cartos que todos lle damos.

          Imaxinen, por exemplo, ao mM chegando a calquera centro de decisión mundial, baixando do coche negro de enorme cilindrada, e logo cando se meten a discutir das cuestións importantes, sempre pode haber quen lle diga: “Oes, mM, menos fumes que xa sei que Camilo de Gran Canaria necesita axuda para alimentar aos seus fillos, que hai un ano que está sen traballo e esgotou todas as axudas sociais, que ben o vin o outro día zapeando”. “Pois a rapaza española que temos na casa, que é enxeñeira nuclear e axuda moito aos nenos en matemáticas estaba chorando diante do televisor e díxenlle, que che pasa Uxía? E choraba porque Gemma, de Alcalá, necesita terapias para a súa filla, que padece dunha dermatite severa moi dolorosa, e o voso sistema sanitario non lle dá remedio e tiña que pedir axuda aos telespectadores”. “Eh, ben, a televisión, xa se sabe, fai espectáculo de calquera cousa”, farfallará o mM.

Co cal volvemos a iso tan hispánico do pobre vergonzante, que consideraba que pasar fame era malo, pero moitísimo peor era que se soubese. Os fidalgos que tiraban plumas de galiña fóra das casas para facer ver que paparan a ave, ou os señores vidos a menos que recibían caridades das monxas, pero pola porta traseira. E máis recentemente, aínda que non moito máis, recorda os dramas de viúvas e orfos das películas de Joselito aka “El pequeño ruiseñor”, aquel neno prodixio cabezón (que rematou sendo un adulto pequeno cabezón con problemas coa xustiza por andar no tráfico, e non o das vías urbanas). Recordo unha espeluznante na que a familia non daba xuntado para o traxe da primeira comuñón, el metíase na mina a por carbón para pagalo, perdía o brazo e ía logo comungar todo contento co traxe e a manga baleira prendida cun imperdible. Ou un programa, Reina por un día, no que concursaban nenas (só elas) cos seus soños, e á escollida cumpríanllo logo de sentala nun trono e darlle un cetro. Aínda teño pesadelos en branco e negro.

Entendo a mM, porque o seu é andar de viaxante vendendo a marca España, e xa bastante ten o home, pero se el ve que a realidade dá mala imaxe, podíalle comentar aos seus compañeiros de Goberno que tenten poñerlle remedio á realidade, non á programación. Ou máis prudentemente pedirlle a TVE que se o programa é, como é, un espectáculo deprimente que hai que aforrarlle aos que están fóra, con moita máis razón deberíannolo aforrar aos que estamos dentro.

(para sábado 18 de xaneiro de 2014)

         

 

Advertisements